Os socialistas denuncian as “colas da vergoña” para atopar vivenda estudantil e reclaman un plan de choque á Xunta

O Grupo Socialista vén de anunciar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta un plan de choque que mobilice vivenda baleira e garanta residencias públicas e de calidade para o estudantado. Así o avanzou a parlamentaria compostelá Patricia Iglesias, nun acto celebrado fronte a unha inmobiliaria de Santiago acompañada polo secretario local do PSdeG, Aitor Bouza, e o secretario das Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval.
Desde as 4:30 da madrugada, responsables socialistas acompañaron ao estudantado nas coñecidas como “colas da vergoña”, onde mozos e mozas agardan durante horas para atopar un piso accesible e en condicións dignas para o vindeiro curso.
Patricia Iglesias criticou a “nula política de vivenda e residencia” do goberno de Rueda, e reclamou a posta no mercado de vivenda pública e a recuperación dos pisos abandonados. Sinalou que moitos estudantes destinan máis da metade dos seus recursos a pisos en mal estado e sen garantías. Denunciou que a estratexia da Xunta se basea na promoción de vivenda privada, con risco de favorecer a especulación.
Pola súa banda, Aitor Bouza denunciou que a falla de execución das partidas para vivenda durante anos por parte do goberno galego converteu un dereito básico nun privilexio. Reclamou declarar Santiago como zona tensionada e acusou á Xunta de poñer trabas á Lei de Vivenda.
Finalmente, Xurxo Doval sinalou que tras 15 anos de inacción da Xunta, non se ampliou o parque público nin se crearon novas prazas en residencias universitarias. Alertou da desesperación do estudantado e denunciou os altos prezos das residencias privadas, que superan os 900 euros ao mes, convertendo a educación superior nun luxo inaccesible.