Os socialistas reclaman un plan de repoboamento do rural

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou hoxe ao goberno galego de “confundir axudas inconexas cunha auténtica política de revitalización demográfica”. Longueira presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reclamar un Plan de repoboamento no rural que coordine medidas de impulso da vivenda, o emprego, os servizos e o impulso económico.
Longueira presentou unha proposición no de Lei -que o PP anunciou que votaría en contra- na que propuxo a posta en marcha dun programa piloto de relocalización integral con medidas de apoio á vivenda, impulso do emprego local e reforzamento dos servizos públicos, conectividade dixital e apoio ao desenvolvemento da actividade económica, reforzados con fondos estatais e europeos.
Reclamou a coordinación cos fondos estatais e europeos para reforzar estas medidas, e pediu que as liñas de axuda Fogar Vivo prioricen aos menores de 36 anos, familias con fillos e profesionais da sanidade e da educación que se comprometan a asentarse no rural durante cinco anos. Tamén lle pediu ao goberno galego que presente no Parlamento un informe anual por concello e por programa para avaliar as medidas de repoboamento e recuperación demográfica do rural.
Axudas inconexas
A responsable socialista advertiu que a Xunta ten “unha política de axudas inconexas”, con “medidas insuficientes, fragmentadas e sen avaliación clara do seu impacto”, pero “non temos unha auténtica política de repoboación”. Advertiu que “ninguén garante” que o crisol de axudas anunciadas polo goberno galego actúen simultaneamente sobre o mesmo territorio, polo que “fracasan ao non conseguir que a nova poboación se asente nos territorios que máis o necesitan”.
Longueira explicou que estas medidas son “demasiado fragmentadas e con pouca capacidade transformadora”, para os 205 concellos galegos que teñen menos de 5.000 habitantes, o que supoñen dous de cada tres localidades galegas.
Reclamoulle ao goberno galego que siga o camiño marcado por outras comunidades autónomas, sinaladamente Castela A Mancha, onde a Lei contra a Despoboación de 2021 clasifica o territorio segundo o nivel de despoboamento e obriga a incorporar a perspectiva demográfica ás políticas públicas conxuntamente con medidas concretas de apoio.