Os Trasjalaicos proclámanse campións das III Olimpíadas Rurais de Galicia en Friol

As III Olimpíadas Rurais de Galicia puxeron este domingo o punto e final a unha intensa fin de semana de deporte tradicional, convivencia e festa en Friol, que reuniu arredor de 400 participantes distribuídos en 20 equipos chegados de distintos puntos da comunidade. A competición concluíu coa vitoria do equipo friolés Os Trasjalaicos, que se impuxo na clasificación final por diante dos lucenses Celtas Porcos, segundos clasificados, e de Terra Loba, tamén de Friol, que completou o podio.
O evento, consolidado xa como unha das grandes citas do calendario de ocio e deporte popular galego, desenvolveuse durante tres xornadas nas que os participantes competiron en numerosas probas inspiradas nos traballos e costumes tradicionais do rural. Ademais do compoñente competitivo, as olimpíadas volveron converterse nun espazo de encontro interxeracional e de promoción da cultura popular galega.
A programación arrancou o venres coa gala inaugural celebrada na Praza Andón Cebreiro, seguida das primeiras competicións e dunha noite festiva amenizada polas actuacións musicais do grupo Louband e do DJ Cosme.
O sábado concentrou boa parte das probas deportivas. Tras un almorzo comunitario, os equipos participaron en modalidades como a cesta, os zancos ou as cintas, antes de trasladarse ao campo de fútbol da Reigosa para disputar competicións de billarda, piola, carreira de lazos, carreira de sacos e carretilla. A xornada completouse cun amplo programa musical no que participaron a Banda da Balbina, Los Alcántara e varios DJ.
Xa o domingo disputáronse as últimas probas, entre elas o lanzamento de adoquín, o tiro da corda, a comba e a popular carreira da silla da raíña, que decidiron a clasificación definitiva. A entrega de premios serviu para recoñecer o esforzo dos equipos participantes e pechar oficialmente a edición deste ano.
Durante o acto final tamén houbo un emotivo recordo para Alberto Buján, coñecido hostaleiro de Melide falecido recentemente, ao que se lle dedicou unha homenaxe. A clausura completouse coa actuación musical do grupo La Indirigible.
Tras o éxito organizativo e de participación acadado nesta terceira edición, Friol xa ten marcada no calendario a celebración das IV Olimpíadas Rurais de Galicia, que regresarán os días 25, 26 e 27 de xuño de 2027 coa intención de seguir reivindicando os valores, as tradicións e a identidade do rural galego.