Os xulgados galegos recibiron no verán unha media de case 22 denuncias ao día por violencia de xénero

Os xulgados de Galicia con competencias en materia de violencia sobre a muller rexistraron durante os meses de xullo, agosto e setembro 2.006 denuncias por violencia de xénero, é dicir, unha media diaria de 21,8, o que supuxo un descenso dun 1,8 % con respecto ao ano anterior. Durante o terceiro trimestre rexistráronse un total de 1.815 vítimas, un 7,3 % menos que durante o mesmo período de 2024, segundo o Informe trimestral sobre violencia de xénero, elaborado polo Servizo de Estatística do CXPX para o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero.
O estudo, ademais, revela que diminuíu un 6,4 % o número de mulleres que se acolleron a dispensa do deber de prestar declaración, mentres que o de ordes de protección solicitadas incrementou un 5,7 %.
En concreto, entre xullo e setembro solicitáronse nos órganos xudiciais un total de 603 ordes de protección. Delas, 501 foron incoadas polos xulgados de violencia sobre a muller; e 102, polos xulgados en funcións de garda.
As ordes de protección adoptadas sumaron un total de 413, un 8,4 % máis que hai un ano. Os xulgados de violencia sobre a muller acordaron 347, o 69 % das solicitudes que recibiron, mentres que os xulgados de garda acordaron 66, o 64,7 % das peticións rexistradas.
No 46 % dos casos, a relación de parella (cónxuxe ou relación afectiva) mantíñase no momento de petición da orde de protección ao órgano xudicial.
O informe tamén reflicte que Galicia tivo no período estudado a taxa de violencia de xénero máis baixa do estado, pois se situou en 12,9 vítimas por cada 10.000 mulleres.
Por outra banda, o número total de sentenzas ditadas no terceiro trimestre do ano polos xulgados de violencia sobre a muller, os xulgados do penal e as audiencias provinciais ascendeu a 528, das que 464, o 87,9 %, foron condenatorias.
A gran maioría de denuncias (1.616) foron presentadas directamente polas vítimas nos órganos xudiciais, unha cifra que segue sendo moi superior á das interpostas por terceiras persoas: os familiares formalizaron 38, mentres que 61 derivaron de partes de lesións; 16, de servizos de asistencia e terceiros; e 263, da intervención da policía. No terceiro trimestre de 2025 rexistráronse dúas vítimas menores tuteladas.
Medidas xudiciais penais e civís de protección
O informe do CXPX reflicte que os órganos xudiciais de Galicia acordaron no período estudado un total de 660 medidas xudiciais penais de protección das vítimas, sendo as máis frecuentes as de prohibición de comunicación (287) e as ordes de afastamento (283).
Así mesmo, ditaron 165 medidas cautelares civís, cuxa finalidade é a protección da muller e dos menores en tanto se resolve o proceso penal. As máis habituais foron as relacionadas coa prestación de alimentos (46) e coa atribución da vivenda (25). Durante o terceiro trimestre deste ano tamén decretaron 44 medidas civís de suspensión do réxime de visitas; 29, da garda e custodia; e tres, da patria potestade.