Óscar Alvaredo, piloto: “Correr un rally esixe ter respecto polo deporte e intentar facelo o mellor posible”

O piloto, que conta con ampla experiencia no automobilismo galego, repasa a súa traxectoria, a evolución da seguridade nos rallies e a crecente paixón polo motor en Galicia
Óscar-Alvaredo-Rally-Sarria
28 Jun 2026

Jessica Fernández

Como comezou a competir en rallies?

Comecei a competir en rally a principios dos anos 2000, sendo o campionato galego de Rallies a miña primeira experiencia cun Fiat Cinquecento. Así, competín en copas de promoción con coches pequenos e rallies soltos, ata que naceu a miña filla e deixeino durante case 12 anos. Decidín volver, vendo un Rally de San Froilán. Así, volvín co que era o meu copiloto e empezamos a competir cun Renault Twingo R2 e en probas do campionato de España, onde iamos quedando bastante ben nas nosas categorías, así como o campionato completo de Castela e León, no que quedamos terceiros absolutos. Cando nos chamou a escudaría Toyota Breogán decidimos facer o programa con eles, para min foi unha boa oportunidade, porque como piloto ‘semioficial’ nunca tivera esta oportunidade ata este ano.

Como é ser piloto de rally?

Ten que gustarche moito e tamén aprender a levar decepcións. Eu desfruto o rally unha vez que remata, porque é moita adrenalina e medo, incluso; xa non por mancarse, senón por intentar non romper o coche, porque os gastos son elevados. Competir en rally consiste en ter respecto e competir contra un mesmo; é unha superación persoal constante.

Variou a normativa nestes anos?

Si, sobre todo en canto á seguridade. Hoxe en día, antes de empezar o tramo, o xefe de seguridade fai unha revisión exhaustiva da posición que ocupa o público e limita moito a zona de visión do espectador. Tamén aumentou a seguridade dos coches, incorporando equipos de extinción de incendios, mellorando a roupa, os arneses, Hans… Incluso parece que os coches corren menos ca antes, xa que agora é máis técnico. Aínda que os coches corren máis, a sensación de carreiras é menor. Non son coches, eu creo, tan chamativos para o público, como antes, motores atmosféricos, que soaban moi bonito e chamaban máis a atención. Os de agora, en canto a son, son menos chamativos, pero a verdade é que son máis efectivos.

Para facer un bo tempo en rally, é máis importante a elección do coche ou a destreza do piloto?

A destreza é moi importante, así como, a relación co copiloto, (esta figura, é importantísima) e se a este binomio lle sumas un bo coche, máis posibilidades tes de facer bos resultados. A diferenza dun coche a outro é moi notable segundo a marca e compoñentes. Toyota e Skoda, son auténticos coches de carreiras.

Que ten o rally que engancha tanto?

En xeral, en Galicia, o deporte de motor está moi estendido, igual que en Asturias ou Cantabria, onde tamén hai moita cultura do rally. Os tramos están cheos de xente e hai moito espectáculo. Cando era pequeno, sempre pedía que me levasen ver os Rallies, e igual ca min, todos os meus amigos. Parecía que iría menos, pero cada vez hai máis paixón polo motor, aumentando non só o público, senón tamén os pilotos. En contraposición, parece que a afección pola Fórmula 1 diminúe. En cambio, hai moitísimo interese polo rally, en España é o deporte estrela no ámbito do motor.

Sarria, concretamente, ten unha gran devoción polo motor.

Si, en Sarria temos a escudaría de Sarria Motor, onde están sobre 50 persoas entre pilotos e copilotos. Por outra parte, a escudaría Sarria Motor organiza o Slalom Concello de Sarria, que entra dentro do campionato galego de Slalom, unha cita moi interesante.

Como axudan as institucións para promover este deporte?

Grazas á Deputación de Lugo, aos concellos de Sarria e Samos, e á Xunta de Galicia, o Rally de San Froilán do pasado ano, tivo dous tramos na comarca de Sarria, un o tramo de Goián, que é moi mítico, e o estreado tramo de Samos, en Estraxiz, que foi un tramo moi decisivo. Que o Rally San Froilán estea en Sarria paréceme algo moi bo para a comarca. Algunha vez estivo no debate público a posibilidade de organizar o rally comarca de Sarria, pero non saíu adiante.

0.28544592857361