OUFF 31: dez días nos que Ourense se proxectou a través do cine

Dun cartel con garza a unha gala de clausura entre a emoción e o palmarés de 'KIRO' e 'Club Kid': así foi a 31ª edición do Ourense Film Festival
gala-inaugural-ouff-2026
11 Oct 2026

Do 25 de setembro ao 4 de outubro, o Ourense Film Festival (OUFF) volveu converter a cidade nunha sala de cine aberta. Na súa 31ª edición, o certame que organiza a Asociación Luarada, co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, reuniu estreas, cine galego, música en directo, homenaxes e un público que, nas palabras do seu director artístico, encheu as salas e "fixo seu o festival".

Un cartel con garza e mirada creadora

O primeiro paso foi unha imaxe. O 18 de xuño, o festival presentou no Centro Cultural Marcos Valcárcel o cartel da súa 31ª edición, obra da ilustradora galega Xulia Vicente. No acto participaron o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o director técnico do OUFF e director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez; o director artístico, Óscar Doviso; e a propia autora.

A ilustración rende homenaxe ás profesións do cine, en especial ás que traballan detrás das cámaras, e nace da idea do gozo creativo e do xogo. A súa base é un gran ollo, símbolo da mirada creadora, rodeado de aves que representan a abundancia de ideas e proxectos. Entre elas destaca unha garza, vinculada á paisaxe do río Miño e á cidade, que ancora a obra ao territorio.

Nada en Cariño (A Coruña) en 1993, Vicente suma unha traxectoria internacional que inclúe un Premio Ignatz en 2022 polo cómic 'La jinete me aguarda' / 'I See a Knight'. Menor definiuna como "unha gran obra dunha gran artista que vai sorprender e revolucionar ao público do OUFF", e subliñou o obxectivo de ampliar os públicos do festival.

A competición: de Panorama Galicia ás curtas do mundo

A Sección Oficial repartiuse en dúas competicións de longametraxes, a Internacional e Panorama Galicia, e unha terceira de curtametraxes. Panorama Galicia reuniu sete títulos a concurso entre documental e ficción, co documental como xénero predominante, e proxectouse no Teatro Principal.

A de curtas constou de 18 traballos de 11 nacionalidades. España achegou sete títulos (tres deles galegos) e Portugal, dous; completaron a lista curtas de Irán, Bélxica, China, Cuba, Canadá, O Salvador, Suíza, Alemaña e Brasil. Os galegos optaban aos premios de Panorama Galicia e o resto, aos da sección internacional. Todos de ficción, na súa maioría con enfoque social (migración, violencia machista, saúde mental, memoria histórica), víronse en tres bloques con entrada gratuíta no Cineclube Padre Feijoo.

Inédito: o festival derruba as súas fronteiras

A gran aposta da edición foi a renovación de Inédito. A histórica sección reunía ata agora películas xa comercializadas en España que non chegaran ás salas da provincia. Este ano eliminou esa limitación xeográfica para converterse nun escaparate de grandes estreas autonómicas e estatais e de títulos sen data de distribución comercial, algúns dos cales non chegarán ata 2027. Cinco longametraxes, todos nos cines Galicine do centro comercial Ponte Vella.

Dous nomes encabezaron o cartel. 'Napoli New York', de Gabriele Salvatores, Oscar por 'Mediterráneo', estreouse por primeira vez en España cunha historia singular: o seu guión escribírono en 1948 Federico Fellini e Tullio Pinelli, e quedou gardado nun baúl durante case setenta anos, ata que Pinelli, con 97 anos, llo confiou ao crítico Augusto Sainati. Convertido en película en 2024, superou os 5,3 millóns de euros de recadación en Italia. A outra gran cita foi 'The Man I Love', con Rami Malek, que chegou a Ourense tras pasar por Cannes e pola sección Perlak de San Sebastián e que non se estreará en salas comerciais ata 2027.

Made in OU: o cine de casa

O cine ligado á provincia tivo o seu propio espazo en Made in OU: dez propostas entre o 29 de setembro e o 2 de outubro no Cineclube Padre Feijoo, co cineasta ourensán Rubén Méndez como coordinador e presentador das sesións por segundo ano consecutivo. Catro xornadas, catro tons:

• 29 de setembro. 'Todo pode esperar', de Borja Casal: un documental protagonizado por César Morán sobre un proxecto musical que tardou cinco décadas en facerse realidade.
• 30 de setembro, memoria e territorio. 'Ferrín Arraiano' (Aser Álvarez), 'Mulleres en Parada de Sil' (Sabela Rodríguez) e 'Cando o vento arde' (Alfonso Arturo Álvarez), gravado con teléfono móbil durante os incendios da Estación de Montaña de Manzaneda.
• 1 de outubro, tradición e identidade. O thriller 'O Felo' (Suso Costa), cunha figura do Entroido de Maceda como protagonista; 'As mans da pulpeira' (Silvia Cachafeiro), rodada no Carballiño; e' El silencio de Allen Robert Angelo' (Marzo Lozano).
• 2 de outubro, ficción máis enérxica. 'Dopamina Zero' (Rodrigo Marini), rodada no Barco de Valdeorras con Juan José Ballesta, Veki Velilla e Cristina Mediero; a comedia criminal 'Dos Gardenias' (Juan Hervella-Rego); e 'Robó y ganó' (Aldán Michinel).

Música: de Guille Galván a Xabarín

O programa musical acompañou os momentos clave do festival. Guille Galván, guitarrista e un dos principais compositores de Vetusta Morla, puxo música á gala inaugural e ese mesmo día saudou o público ourensán na tenda de discos Bonus Track. A clausura foi para o dúo galego Escuchando Elefantes, formado por Silvia Rábade e Carlos Tajes, que empezou tocando na rúa en distintas cidades europeas antes de chegar aos grandes escenarios.

O sábado 3, ao mediodía, a Praza Santa Eufemia transformouse en escenario ao aire libre para o vermú con Mambas Negras, banda que rende homenaxe ás bandas sonoras do cine de Quentin Tarantino. E ás 17.30 horas chegou Lembra Xabarín, un espectáculo familiar encabezado polo actor e músico Fer González que recuperou as cancións en galego dos anos oitenta e noventa ligadas ao Xabarín Club.

OUFF Yeah!

O venres 25 de setembro, o Auditorio Municipal de Ourense acolleu unha gala inaugural de máis dunha hora, conducida polo actor e presentador Rafa Durán. Arrancou coa Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e un remix do DJ John Axiom, e moveuse entre a música e o humor: un sketch de Durán e Doviso recreou unha sesión de "coaching cinematográfico" con confeti incluído, e o público participou  no concurso OUFF Trivial, con preguntas de cine relacionadas coas películas do festival. Ao longo da noite circulou ademais unha broma recorrente que dá título a este apartado: o "OUFF Yeah!".

A gala serviu tamén para entregar os primeiros galardóns: o Premio Chano Piñeiro a José Manuel Lorenzo, o Premio AISGE a Uxía Blanco e a Calpurnia de Honra a Javier Gutiérrez. Este último, presentado pola actriz María Vázquez, protagonizou un dos momentos máis emotivos ao recoller o premio, visiblemente emocionado, entre os aplausos do público. Guille Galván interpretou varias pezas en formato íntimo e presentouse a película inaugural, 'Las ciegas hormigas' (Inurri itsuak), adaptación da novela de Ramiro Pinilla acabada de estrear en San Sebastián, co seu director, Igor Legarreta; o protagonista, Urko Olazabal; e o produtor executivo Pablo Barinaga, membro do xurado. Entre os asistentes puido verse a figuras institucionais e políticas, como o presidente da Deputación, Luis Menor; o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel; e representantes e militantes do PSOE, entre eles a súa portavoz, Natalia González.

Foi Doviso quen resumiu o espírito do festival que quería construír: "O OUFF non quere ser só un lugar onde se proxectan películas. Queremos que sexa un lugar onde sucedan cousas: onde se produzan encontros, nazan proxectos, os profesionais compartan experiencias e o público sinta que forma parte de algo". E deixou a frase da noite: "Ourense leva 31 anos proxectando cine, pero tamén leva 31 anos proxectándose a través do cine".

Memoria, adolescencia e vivenda

O domingo 27 de setembro, o festival dedicou parte da xornada a presentar tres das películas a concurso, tres miradas moi distintas ao que preocupa hoxe:

• 'Alén dos Silencios' (Panorama Galicia), de Carmen P. G. Granxeiro. Un documental íntimo que parte de descubrir que a súa avoa estivera presa, sendo bebé e xunto cos seus pais, no Vello Cárcere de Lugo durante a Guerra Civil. "Estudamos a Historia con H maiúscula e moitas veces escápanse as historias pequeniñas, pero a Historia escríbena esas pequenas vivencias", defendeu a directora.
• 'Crías' (Panorama Galicia), de Xiana do Teixeiro. Un documental construído a partir de diarios de adolescencia cedidos por centos de mulleres. "Este filme é a colaboración de centos de mulleres que cederon os seus documentos íntimos, as súas memorias", explicou.
• 'Nuda Propiedad' (Sección Internacional), comedia de Alberto Utrera sobre o acceso á vivenda, con amor, crise, ansiedade e egoísmo como tramas. O director e o actor Paco Churruca presentárona ante os medios, e Churruca definiúna como "un reflexo da sociedade". No pase nos Galicine estiveron tamén co protagonista, Maxi Iglesias.

Ópera prima: 'El mal hijo', a estrea de Jaime Lorente

O 16 de setembro o OUFF anunciou que o Premio Ópera Prima sería para El mal hijo, que ademais pecharía a edición. É a estrea como director do actor Jaime Lorente, coñecido internacionalmente por 'La casa de papel': unha adaptación da novela homónima de Salvador S. Molina, ambientada nunha contorna rural, que explora como as feridas familiares se transmiten entre xeracións e o impacto das adiccións no fogar. Susi Sánchez encabeza un reparto no que figura tamén o actor ourensán Chechu Salgado, recoñecido xa polo OUFF en 2017.

A organización explicou que escolleu a película polo seu peso social e o seu carácter de autor, e pola súa factura coidada. Tras pasar pola sección Novos Directores do Festival de San Sebastián, chegará ás salas comerciais o 16 de outubro. Lorente tivo ademais dobre presenza nesta edición, xa que tamén actúa en La silla, de Ángel de la Cruz, outro dos títulos do programa.

Clausura: emoción, música e palmarés

O sábado 3 de outubro o Auditorio Municipal de Ourense acolleu a gala de clausura, presentada pola xornalista Noelia Rey e o presentador Luis Larrodera, con dirección de Iván Iglesias e vestiario de Adolfo Domínguez. Reuniu público, profesionais do audiovisual e premiados, e tamén o presidente da Deputación, Luis Menor, que interveu desde o escenario.
A música correu a cargo de Escuchando Elefantes, que interpretou dous temas e protagonizou outro dos momentos emotivos da noite. A homenaxeada foi Charo López, que recibiu o Premio Especial OUFF á súa traxectoria da man de Francis Lorenzo e dedicou un discurso cheo de emoción e felicidade a toda unha vida dedicada á interpretación. Menor destacou o "éxito de participación, de público e de programación" e resumiu o sentir institucional: "Ourense quere cine, sabe facer cine e sabe acoller o cine". E engadiu: "Cada vez que crece o OUFF, crece tamén a proxección de Ourense".

O palmarés repetiu nomes e deixou a 'KIRO' e 'Club Kid' como grandes vencedoras. O dobrete asinouno 'KIRO', o documental dedicado á figura de Ana Kiro: levou a Calpurnia á Mellor Película de Panorama Galicia, que recolleu a súa filla, María del Carmen Quiroga, e tamén o Premio do Público da sección. 'Club Kid', de Jordan Firstman, impúxose na competición internacional coa Calpurnia á Mellor Película, que entregou a presidenta do xurado, Ana Alvargonzález.

Na sección internacional, 'La Maison des femmes' (La casa de las mujeres) convenceu a xurado e público á vez, co Premio Especial do Xurado e o Premio do Público. Myrsini Aristidou gañou o Premio Carlos Velo á Mellor Dirección por 'Hold Onto Me'; a actriz irlandesa Jessica Reynolds viaxou ata Ourense para recoller en persoa o de Mellor Interpretación por 'The Wolf, the Fox & the Leopard'; e Cristian Mungiu levou o de Mellor Guión por 'Fjord'.

Panorama Galicia tivo acento ourensán e sabor internacional. 'Walking Holiday' marchou con dous galardóns: Mellor Interpretación para a ourensá Elena Seijo e Mellor Guión para o irlandés Cian Desmond. A Mellor Dirección foi para a directora arxentina María Aparicio, presente na gala, por 'A veces me entra tristeza, otras veces rebelión'. Entre as curtas, 'Baja la marea', de Óscar Villarroya, foi a mellor de Panorama Galicia, e 'Vital', de Amir Zargara, a mellor internacional.

Pecharon o cadro os recoñecementos honoríficos: a Calpurnia de Honra a Javier Gutiérrez, o Premio Chano Piñeiro a José Manuel Lorenzo e o Premio AISGE a Uxía Blanco, entregados na inauguración; o Premio Ópera Prima a Jaime Lorente, que recibiu da man da actriz Irene Esser; e o Premio Especial OUFF á traxectoria de Charo López. A película que pechou oficialmente a 31ª edición foi 'El mal hijo', proxectada tras a gala.

Unha comunidade arredor do cine

Doviso pechou o festival coa idea coa que o abrira. "Pasaron moitas películas. Pasaron cineastas, actores, actrices, produtores, estudantes, profesionais e espectadores [...] E pasou algo que para nós é aínda máis importante: volvemos facer comunidade arredor do cine", afirmou desde o escenario. Destacou ademais o papel do público, "que participou, que encheu as salas, que preguntou, que opinou e que fixo seu o festival", e concluíu: "Mentres haxa historias que contar, persoas dispostas a contalas e espectadores dispostos a escoitalas, teremos unha razón para seguir aquí".

Para coñecer o balance do director artístico en primeira persoa, OurenseXa conversa con Óscar Doviso nesta entrevista.

0.34520196914673