Ourense acollerá a SuperCopa de España Júnior de Xudo con 180 deportistas

O Pazo dos Deportes será sede esta fin de semana dunha das citas máis esixentes do xudo de formación, con participantes procedentes de España e Portugal
SuperCopa de España Junior Judo 26
9 Sep 2026

O Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense, na súa pista central, será o escenario este sábado 12 de setembro da SuperCopa de España de Xudo Júnior, nas súas modalidades masculina e feminina. A proba, que comezará ás 09.00 horas, congregará a 180 xudokas destacados chegados de distintos puntos de España e Portugal, todos eles nados entre 2007 e 2012.

Trátase da XXII edición do Torneo Cidade de Ourense, unha cita que ano tras ano reúne aos mellores expoñentes do xudo de base e que este ano volve situar á cidade como referencia deste deporte a nivel nacional. O campionato conta co apoio do Concello e a Deputación de Ourense, así como da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e está organizado pola Federación Galega de Xudo.

Antes do inicio da competición, está previsto que este xoves 10 de setembro, a partir das 12.00 horas, teña lugar o acto de presentación oficial do torneo, que se celebrará no Edificio Marcos Valcárcel, sede da Deputación de Ourense.

En canto ao desenvolvemento da xornada, a competición dará comezo coas eliminatorias e repescas ás 09.00 horas. Xa pola tarde, ás 13.00 horas disputaranse as finais, mentres que a entrega de medallas está fixada para as 14.00 horas. Previamente, o venres 11 de setembro ás 18.00 horas, levarase a cabo a pesaxe dos participantes, un trámite habitual antes de calquera competición de xudo.

O formato da competición variará en función do número de inscritos en cada categoría. No que respecta ás normas de combate, cada enfrontamento terá unha duración de catro minutos. No caso de que ningún dos contendentes consiga impoñerse nese tempo, aplicarase o sistema coñecido como ‘Golden Score’ ou técnica de ouro, mediante o cal resultará vencedor o primeiro xudoka que consiga puntuar ou aquel cuxo rival reciba unha sanción.

0.35492300987244