Ourense acollerá este sábado a 16ª Copa Deputación de loitas olímpicas para as categorías base

O pavillón municipal de Oira acollerá este sábado 17 de outubro a 16ª edición da Copa Deputación de loitas olímpicas, unha cita centrada nas categorías base desta disciplina. O encontro desenvolverase entre as 10.30 e as 12.30 horas e reunirá a oito equipos nun formato de competición por equipos de todos contra todos.
Está previsto que participen máis de cen deportistas procedentes de oito clubs distintos, no que supón a primeira actividade da tempada dirixida ao deporte base. Para que todos os equipos poidan competir de xeito simultáneo, disporanse tres tapetes de seis por seis metros, e tanto o regulamento como os propios tapetes estarán adaptados ás idades máis novas, co obxectivo de que os participantes máis pequenos gocen da xornada.
A competición disputarase con equipos mixtos e abranguerá tres categorías: prebenxamín (ata 7 anos), benxamín (ata 9 anos) e alevín (ata 13 anos).
O club anfitrión será o Club Atila de Ourense, unha entidade que conta con numerosos deportistas nas categorías base e que está considerada unha das máis consolidadas a nivel nacional. Nas súas categorías de rendemento, varios dos seus deportistas gozan de bolsas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, o que reflicte o traballo que o club vén desenvolvendo en materia de promoción, tecnificación e rendemento deportivo.
Os clubs inscritos para esta xornada son: Club El Castro de Vigo, Club Kuzushi de Vigo, Club Sportstime de Crecente, Escuela Wude de A Coruña, Club Keltoi de Vila de Cruces, Club de Loita Lugo, Club A Cambadela de A Estrada e Club Atila de Ourense.