Ourense e Lugo acollerán en xuño un congreso internacional de referencia sobre cerámica antiga 

O encontro reunirá investigadoras e investigadores de España e Portugal para presentar novas achegas sobre a produción, distribución e consumo de cerámicas antigas nos territorios atlánticos da península ibérica
congreso-internacional-ceramica-antiga
30 May 2026

As cidades de Ourense e Lugo serán sede entre o 9 e o 13 de xuño da VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH), unha das principais citas científicas da península no ámbito da arqueoloxía cerámica.

O encontro reunirá investigadoras e investigadores de España e Portugal para presentar novas achegas sobre a produción, distribución e consumo de cerámicas antigas nos territorios atlánticos da península ibérica. O programa contará con arredor de 80 comunicacións, conferencias e pósters, centrados nas últimas liñas de investigación deste ámbito.

A organización do congreso corre a cargo da Sección de Arqueoloxía do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, coa colaboración de diferentes institucións, entre elas a Vicerreitoría do campus de Ourense, o Campus Auga, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense e os concellos de Ourense e Lugo.

Segundo explican desde a organización, o obxectivo desta edición é avanzar na posta en común dos estudos sobre os intercambios cerámicos no espazo atlántico, un ámbito que nos últimos anos experimentou un notable incremento de investigacións pero que aínda carecía de foros específicos de debate conxunto.

O programa desenvolverase de forma repartida entre ambas cidades. En Ourense concentraranse as principais sesións académicas, que terán lugar no Arquivo Histórico Provincial e no campus de Ourense, con conferencias, presentación de comunicacións e actividades científicas ao longo dos primeiros días.

En Lugo celebrarase unha das xornadas centrais do encontro, no marco da programación cultural do Arde Lucus, onde se levarán a cabo conferencias de clausura e actividades divulgativas centradas nos materiais cerámicos e nas súas relacións comerciais no mundo antigo.

O congreso inclúe tamén un programa de visitas arqueolóxicas na provincia de Ourense, que permitirá coñecer enclaves como o campamento romano de Aquis Querquennis, a igrexa visigótica de Santa Eulalia de Bande e o xacemento da Cibdá de Armea, onde o grupo organizador desenvolve traballos de investigación desde hai anos.

0.38572907447815