Ourense será sede da fase previa do Campionato de España de clubs sub-16 de fútbol sala

O Academia Futsal Ourense será o encargado de representar a Galicia nesta competición, que se celebra esta fin de semana no Pazo dos Deportes Paco Paz
campionato-de-españa-de-clubes-futsal-ourense
4 Jun 2026

O Pazo dos Deportes Paco Paz acollerá esta fin de semana a fase previa do Campionato de España de Clubs Sub-16 Masculino de Fútbol Sala, unha cita que reunirá en Ourense a cinco equipos procedentes de diferentes comunidades autónomas.

O vicepresidente segundo e deputado de Deportes da Deputación de Ourense, César Fernández, participou este mércores na presentación oficial da competición, destacando o papel da provincia como escenario habitual de eventos deportivos de carácter estatal e a súa contribución á promoción do deporte base.

A fase previa desenvolverase entre o 5 e o 7 de xuño e contará coa participación da Academia Futsal Ourense, en representación de Galicia, xunto co C.F.S. Ribera (Navarra), Eguzki Areto Futbola (País Vasco), Malta 97 (Canarias) e o C.D. Nueva Elda F.S. (Comunidade Valenciana).

O calendario de encontros establece que o equipo ourensán debutará o venres ás 11.00 horas fronte ao conxunto canario e disputará un segundo partido ese mesmo día ás 17.00 horas ante o equipo vasco. O sábado xogará ás 13.00 horas contra o representante valenciano, mentres que pechará a súa participación o domingo, tamén ás 13.00 horas, fronte ao equipo navarro.

O primeiro clasificado desta fase logrará o pase á fase final do Campionato de España, o que incrementa a importancia competitiva de todos os encontros programados.

Durante a presentación, César Fernández incidiu no compromiso da Deputación co deporte base e na aposta por eventos que, ademais de fomentar a práctica deportiva entre a mocidade, contribúen á proxección e dinamización da provincia.

0.35321497917175