Outros dous fallos favorables do TSXG relacionados con eólicos dan a razón ao Goberno autonómico

A Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirma os acordos da Xunta de Galicia que declararon a utilidade pública e a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais das instalacións do proxecto do parque eólico Coto da Mina, situadas en Irixo e Piñor (Ourense), e do parque eólico Treboada, situadas en San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo).
A Sala advirte de que “non se pode neste litixio reabrir un debate que se tiña que expor fronte ás autorizacións previa e de construción, polo que debe rexeitarse o motivo e pretensión relacionados con que o proxecto industrial autorizado non satisfai unha necesidade colectiva, nin maximiza o benestar xeral”.
O tribunal, polo tanto, entende que a asociación ecoloxista recorrente si ten lexitimación para cuestións ambientais, pero destaca que non pode reabrirse neste proceso o debate sobre a autorización de construción previa, que non foi impugnada no recurso. Así mesmo, analiza o alcance do control xudicial sobre a causa expropiandi en instalacións eléctricas e lembra que, aínda que a utilidade pública do sector está declarada por lei, corresponde xustificar en cada caso a necesidade concreta e a proporcionalidade dos bens a expropiar.
Na sentenza, o TSXG conclúe que a parte recorrente non acredita titularidade nin interese singular sobre as parcelas afectadas pola expropiación, de modo que sinala que carece de lexitimación para impugnar a relación de bens a expropiar. A iso engade que os argumentos achegados, vinculados á adecuación do proxecto e a impactos ambientais, non permiten invalidar o acordo impugnado.
Os maxistrados sinalan que “é evidente que se a promotora relacionou os bens e dereitos a expropiar foi porque non dispoñía deles e eran necesarios para executar o proxecto autorizado; e tamén é presumible que, antes de adoptar o acordo, a autoridade gobernativa verificou que aqueles respondían á causa expropiandi e que non existía outra alternativa menos lesiva para conseguir executar o parque eólico”.
En definitiva, destaca que, “sexa como fose, e isto é o que agora importa, non acreditou a asociación que fose titular dalgunha das parcelas a expropiar, polo que neste punto carece de lexitimación activa para defender dereitos e intereses alleos, que non son actuacións de tipo medioambiental para as que si conta con lexitimación”. A sentenza non é firme, pois cabe interpoñer recurso de casación.
A Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo salienta no fallo que “non se pode neste litixio reabrir un debate que se tiña que expor fronte ás autorizacións previa e de construción, que si se segue noutro litixio, polo que debe rexeitarse o motivo e pretensión relacionados con que o proxecto industrial autorizado non satisfai unha necesidade colectiva, nin maximiza o benestar xeral”.
A Sala aprecia que a declaración de utilidade pública e a tramitación esixida pola normativa sectorial e expropiatoria non foron vulneradas de forma que caiba anular o acordo impugnado, polo que rexeita o recurso interposto pola asociación ecoloxista e confirma o acordo da Xunta. A sentenza non é firme, pois contra ela pódese interpoñer recurso de casación.
REACCIÓN DA XUNTA
A Xunta celebra a última sentenza da sección 2ª do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en relación ao parque eólico de Bustelo ao considerar que, por primeira vez, este órgano avala a tramitación ambiental deste tipo de proxectos que realizou na Comunidade ao longo dos últimos anos.
Así o salientou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que se reuniu esta mañá con representantes da Asociación Eólica de Galicia (EGA) para analizar precisamente a situación actual do sector na Comunidade e as repercusións desta última resolución xudicial sobre o seu futuro desenvolvemento.
Tras analizar o contido da sentenza, coñecida a semana pasada, a responsable autonómica incidiu en que a súa importancia radica non só no feito de que ratifique a legalidade ambiental do parque senón no propio fondo.
Neste sentido, explicou que o Alto Tribunal galego non se limita a aplicar a doutrina que xa quedara establecida polo Supremo e a propia Xustiza europea e que avala a tramitación fragmentada dos proxectos, senón que analiza tamén en profundidade e con detalle toda a documentación e os informes achegados no marco da avaliación ambiental do proxecto, concluíndo que non existe ningunha proba que poña en dúbida a súa validez ou suficiencia.
De feito, na mesma liña adiantou que hoxe mesmo se coñeceron outras dúas sentenzas favorables do TSXG (neste caso, por parte da Sección Terceira) que lle dan tamén a razón á Xunta en relación a outros dous parques paralizados.
Polo exposto, Ángeles Vázquez e os representantes de EGA celebraron que estas últimas decisións xudiciais poidan marcar un cambio de tendencia para o sector en Galicia e coincidiron na necesidade urxente de desbloquear a actual situación para avanzar cara á neutralidade climática, un obxectivo que a Xunta fixou por lei no horizonte de 2040.
“Cada ano que perdemos neste bloqueo é un ano e unha batalla perdida contra o cambio climático”, resumiu a conselleira, que lembrou que o Goberno galego aplica na tramitación deste tipo de proxectos o criterio do interese público superior recoñecido pola UE no caso das enerxías renovables, como elemento clave para poder avanzar nos retos de descarbonización comunitarios.
Cómpre lembrar que a potencia eólica asociada aos 87 proxectos de novos parques eólicos actualmente paralizados é de 2.363 MW, o que evitaría a emisión á atmosfera de 2,5 millóns de toneladas de CO2 e condiciona, polo tanto, a capacidade da Comunidade para cumprir en tempo e forma os seus propios obxectivos climáticos.
Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que ademais de desbloquear a implantación de novos proxectos eólicos en Galicia, tamén é importante a repotenciación daqueles parques xa operativos e que buscan mellorar a súa eficiencia coa redución do número de aeroxeradores e a súa substitución por outros máis avanzados tecnoloxicamente. En concreto, indicou que a día de hoxe están autorizadas 9 repotenciacións, 5 delas xa en obras, e que o seu departamento tramita outras 10 solicitudes voluntarias.