Palas de Rei acolle o VIII Festival Galego de Teatro Escolar cunha xornada de creación, convivencia e inclusión

Máis de cen actores e actrices de distintas localidades galegas participarán o 18 de abril nun programa que combina roteiro teatral e espectáculo na Casa da Cultura
presentacion-Festival-de-Teatro-Escolar-de-Palas-de-Rei-2026
13 Apr 2026

O municipio de Palas de Rei celebrará o sábado 18 de abril o VIII Festival Galego de Teatro Escolar, unha cita que foi presentada no Salón de Plenos do Concello e que pon o teatro como ferramenta de aprendizaxe, intercambio e solidariedade.

O evento está organizado polo Concello de Palas de Rei, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, a Asociación Cultural Palacio do Rei, a Asociación Cultural de Santiago de Albá O Parzamique, Arqueixal, a Coral Polifónica de Palas de Rei, Metátese Teatro e Alentía Teatro, nunha colaboración ampla do tecido cultural local.

Na presentación participaron o alcalde, Pablo Taboada, e representantes das entidades organizadoras, que destacaron o carácter educativo e comunitario dun festival no que participarán máis de cen actores e actrices procedentes de tres aulas de teatro de Palas de Rei, Touro e Teo.

A xornada abrirase ás 16.00 horas cunha ruta teatral, musical e poética pola aldea de Santiago de Albá, con saída desde a igrexa e percorrido por distintos espazos rurais, combinando teatro, música, poesía e xogos nunha proposta que busca achegar a cultura ao territorio e poñer en valor o rural.

Xa pola tarde, ás 19.00 horas, a Casa da Cultura de Palas de Rei acollerá a posta en escena de 'Modo avión', un espectáculo colectivo que aborda con humor e reflexión a vida cotiá da infancia, adolescencia e idade adulta nun contexto marcado pola tecnoloxía e o ritmo acelerado actual.

O festival consolídase como unha experiencia educativa e escénica que integra alumnado de diferentes procedencias e capacidades, promovendo a inclusión real, o traballo cooperativo e o desenvolvemento de competencias sociais e comunicativas a través do teatro.

Ademais, a iniciativa forma parte dunha xira que xa pasou por Ourense e Touro e que continuará por outras cidades europeas como Nîmes, Pisa e Boloña, reforzando o carácter internacional dun proxecto educativo e artístico en crecemento.

0.28184390068054