Paloma Castro alerta de que “os bancos marisqueiros colapsan e o sector agoniza” e esixe axudas directas á Xunta

A deputada socialista Paloma Castro denuncia que a Xunta “goberna de costas ao mar” mentres o sector marisqueiro agoniza e non recibe axudas propias polo peche dos bancos da ría de Arousa.
Paloma Castro
9 Oct 2025

A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, advertiu este martes que “os bancos marisqueiros colapsan e o sector agoniza” mentres a Consellaría do Mar permanece inmóbil e autocompracente. Castro presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia para denunciar a falta de medidas de apoio ás familias afectadas polo peche de seis meses nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa.

A deputada censurou que a Xunta non destine nin un euro de fondos propios para axudar ás mariscadoras e mariscadores das zonas de Cabío, Bohído e Lombos do Ulla, limitándose a anunciar axudas con cargo ao Fondo Europeo do Mar e da Acuicultura (FEMPA) que non se activarán ata entre xaneiro e marzo de 2026. “Non se pode gobernar de costas ao mar nin decidir desde un despacho sen mirar á xente á cara”, advertiu Castro, quen reclamou un Plan de axudas con calendario de pagos, medidas cuantificables e financiamento suficiente.

A socialista subliñou que a situación do marisqueo é “crítica”, cunha caída da produción do berberecho do 93,7% en 2024, da ameixa fina do 86,5% e da babosa do 85%, mentres as lonxas da ría deixaron de ingresar 45 millóns de euros en catro anos. “A actividade marisqueira está en perigo de desaparición efectiva”, alertou.

Castro tamén advertiu da incoherencia do Goberno galego ao “falar de sostibilidade e resiliencia mentres impulsa proxectos como o de Altri”, sen garantías ambientais nin avaliacións realistas. Lembrou que esta fábrica de pasta de celulosa podería impactar directamente na desembocadura do Ulla e na ría de Arousa, polo que reclamou “responsabilidade institucional para protexer non só o recurso, senón as persoas que viven del”.

A deputada pediu á Consellaría que escoite as propostas do sector, entre elas dragaxes selectivas, restauración de bancos, programas de sementado, control de vertidos e seguimento científico. “Non é cuestión de canto se gasta, senón de como, cando e con que resultados”, concluíu, reclamando un plan de axudas inmediato, transparente e executado con rigor e participación.

⚙ Configurar cookies
0.32092094421387