Pantín corona aos primeiros campións dun Abanca Pantín Classic Galicia Pro de récord

O surf adaptado pecha a súa competición con 40 deportistas e unha ampla representación internacional nunha xornada marcada polas boas condicións do mar
VALDOVIÑO pantin classic adaptado
24 Aug 2026

O areal de Pantín xa ten os seus primeiros campións. O Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026 pechou este domingo a competición de surf adaptado cunha participación récord de 40 deportistas e cunha xornada final marcada por unhas condicións excelentes, con ondas de arredor de medio metro e vento en calma.

Na categoría Prone 2 feminina, Sarah Almagro impúxose con 14.50 puntos, por diante de Upé Mikalauskaite e Esther Bode. En Prone Open, a vitoria foi para Miguel Silva, mentres que Pedro Palma gañou en Prone 2 masculina.

O resto dos títulos repartíronse entre Ibai Hervás, vencedor en Kneel/Upright masculina; Habasque Chloé, en feminina; Xabier Ayestaran, en Stand 2 Open; Pedro Rodríguez, en Visual 2 masculina; Ben Neumann, en Visual 1 masculina; Marta Jordao, en Visual 1 feminina; Camilo Abdula, en Stand 1 Open; e Mireia Cabeñes, en Stand 3 feminina.

Tras o peche do surf adaptado, a competición continúa este luns coa seguinte gran cita do programa: os triales do QS 6000 International da World Surf League (WSL).

A partir das 8.00 horas, os participantes buscarán unha das invitacións que permiten acceder ao cadro principal do Abanca Pantín Classic Galicia Pro. Entre eles estarán varios dos novos talentos do surf galego. A actividade completarase coa apertura da zona Market ás 11.00 horas, a posta en marcha dos diferentes postos ás 12.00 horas e, ás 18.00 horas, a entrega das Wildcards.

0.30362796783447