Pantón acolle este sábado os 29 Xogos Autonómicos de campo a través e petanca de Special Olympics Galicia

A cita reunirá a 163 deportistas procedentes de 12 entidades de toda Galicia
special-olympics-galicia
15 May 2026

Ferreira de Pantón será este sábado, 16 de maio, o escenario da 29ª edición dos Xogos Autonómicos de campo a través e petanca para persoas con discapacidade intelectual, organizados por Special Olympics Galicia en colaboración con diversas entidades sociais, entre elas Prodeme.

O evento disputarase no Campo municipal de Ferreira de Pantón (O Baliño) e reunirá a 163 deportistas procedentes de 12 entidades de toda Galicia, que competirán en probas de campo a través e en petanca por parellas. Xunto a eles participarán tamén 32 adestradores e un amplo dispositivo de voluntariado e apoio, o que elevará a máis de 230 persoas a participación total na xornada.

As carreiras de campo a través estarán divididas en tres niveis en función das capacidades dos participantes, mentres que a modalidade de petanca se desenvolverá en formato de parellas.

A programación comezará ás 10:00 horas coa chegada dos participantes, seguida do acto inaugural ás 10:45 horas e o inicio das competicións a partir das 12:00 horas. A clausura está prevista para as 18:30 horas. Todo o evento desenvolverase baixo o lema de Special Olympics Galicia: “Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento”.

Na presentación previa da xornada, o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, amosou a súa satisfacción por acoller a competición, expresando a súa ilusión por unha xornada “feliz e sen incidentes”. Pola súa banda, desde Prodeme destacouse o carácter de convivencia da iniciativa, sinalando que “o máis importante é compartir un día de ledicia e convivencia”. Desde a organización, o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández Pérez, puxo en valor a implicación do concello e a oportunidade de competir en igualdade de condicións, destacando o espírito de superación dos participantes.

Os deportistas proceden de 12 entidades sociais das catro provincias galegas: Aspas de Santiago, Pai Menni de Betanzos e Apader de Cedeira (A Coruña); As Burgas de Barbadás, Asfaval de O Barco, ADO de Ourense e Aspanas de Ourense (Ourense); Aspadeza de Lalín e San Francisco de Vigo (Pontevedra); e CAPD de Sarria, San Vicente de Paúl de Lugo e Prodeme de Monforte (Lugo).

Special Olympics Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa desde o ano 2000 pola inclusión social das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte, o ocio e a cultura.

0.38623094558716