Pastoriza acolle este sábado un torneo triangular de fútbol sala feminino con equipos de Primeira

O FSF Castro, o Rodiles FS e o Estrela Verín disputarán no Pavillón Municipal un torneo inédito no municipio, coa entrada gratuíta e capacidade para 150 persoas
presentacion-torneo-futbol-sala-pastoriza
21 Sep 2026

Pastoriza acollerá este sábado, 26 de setembro, un torneo triangular de fútbol sala feminino coa participación de tres equipos da Primeira División: o FSF Castro, o Rodiles FS e o Estrela Verín. A xornada, organizada polo Concello de Pastoriza coa colaboración da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Pastoriza e da UD Pastoricense, converterá o Pavillón Municipal nun punto de encontro para as persoas afeccionadas ao fútbol sala.

Na presentación da actividade participaron o alcalde, Darío Cabaneiro; o tenente de alcalde, Marcos García; a concelleira de Deportes, Fina Méndez, e José Manuel García, da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Pastoriza. A entrada será gratuíta e a organización prevé unha elevada asistencia ao recinto, que conta con capacidade para 150 persoas.

O torneo disputarase en formato triangular, polo que cada equipo xogará dous encontros. A primeira cita será ás 11:30 horas, co partido entre o Rodiles FS e o FSF Castro. Ás 12:30 horas enfrontaranse o Estrela Verín e o Rodiles FS, mentres que ás 13:30 horas pecharán a competición o FSF Castro e o Estrela Verín.

A clasificación determinarase por puntos, con tres por cada vitoria, un polo empate e ningún pola derrota. En caso de igualdade, terá en conta a diferenza entre os goles marcados e os encaixados. Ao remate da xornada entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados.

Entre as xogadoras participantes estará Antía Pérez, do FSF Castro, internacional coa selección española, o que engade un atractivo máis a unha competición que supón a primeira ocasión na que Pastoriza recibe equipos da máxima categoría estatal.

A iniciativa busca achegar o deporte feminino á veciñanza, fomentar a práctica deportiva e dar maior visibilidade ao fútbol sala entre as nenas e mozas do municipio. A presenza da UD Pastoricense, que conta actualmente con catro equipos, dous deles de fútbol sala feminino e masculino en 1ª Futgal, reforza a vinculación do torneo co deporte local.

A organización destaca tamén o traballo desenvolvido para facer posible esta primeira edición, coa coordinación cos equipos participantes a través de Julio Delgado, adestrador do FSF Castro. A intención do Concello é dar continuidade ao torneo en vindeiras edicións, aínda que recoñece que este tipo de eventos require un importante esforzo de coordinación.

A celebración da competición forma parte da aposta municipal por converter Pastoriza nunha sede de eventos deportivos. Durante o verán, o municipio xa acolleu un torneo de fútbol sala no que participaron 24 equipos.

Durante a xornada tamén haberá servizo de bar e un sorteo de dúas camisetas da UD Pastoricense e do FSF Castro, unha actividade que contará coa colaboración da comisión do Entroido 2027. O Concello agradece a implicación do persoal municipal e das persoas que colaboran na organización, así como da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Pastoriza, da UD Pastoricense e de BigMat Huertas, como patrocinador oficial.

0.34402704238892