Patricia Iglesias acusa a Rueda de incumprir os 3.000 millóns en investimentos industriais prometidos

A deputada do PSdeG e portavoz de Industria e Transparencia, Patricia Iglesias, denunciou que dous anos despois de que o presidente da Xunta anunciase unha nova etapa para a política industrial galega, “nada é real” das promesas formuladas.
Iglesias lembrou que Alfonso Rueda comprometeu a mobilización de máis de 3.000 millóns de euros en investimentos industriais e a creación de 4.700 empregos. “A día de hoxe, absolutamente nada se materializou”, afirmou, subliñando que o PP conta con maioría absoluta desde febreiro de 2024 e, polo tanto, “non hai escusas posibles”.
A parlamentaria puxo o foco nos dezaoito Proxectos Industriais Estratéxicos (PIEs) declarados polo Consello da Xunta. Segundo explicou, todos teñen pechada a fase de alegacións, pero ningún foi autorizado nin está en funcionamento. “Cero proxectos autorizados e cero xerando emprego. Esa é a realidade”, recalcou.
Iglesias tamén citou o caso do proxecto Century en As Pontes, anunciado como fábrica de pneumáticos e declarado estratéxico pola Xunta, do que —asegurou— “non hai explicación pública sobre o seu estado actual”.
Especial relevancia tivo na súa intervención o arquivo do proxecto de Altri en Palas de Rei, que cualificou como o “proxecto estrela” do Goberno galego. A socialista indicou que a iniciativa recibiu tres negativas do Goberno central: ao PERTE de Descarbonización, á axuda singular solicitada e á subestación eléctrica necesaria. “Durante meses venderon seguridade absoluta e hoxe non hai proxecto”, sinalou.
Neste contexto, mencionou o papel do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendendo que os rexeitamentos responderon á falta de viabilidade económica, ambiental e social da proposta.
A portavoz socialista reclamou tamén a publicación do memorándum asinado en 2021 entre o entón conselleiro Francisco Conde e o CEO da empresa promotora, advertindo que, ante a falta de resposta, acudirán á vía xudicial.
Por último, advertiu da perda de posición industrial de Galicia en comparación con outros territorios e cuestionou o balance do presidente ao cumprir dous anos de mandato: “Celebrar é lexítimo; o que non é lexítimo é celebrar resultados que non existen”.