Patricia Iglesias: “Galicia volve liderar o retroceso industrial en España pola incompetencia da Xunta”

A voceira socialista Patricia Iglesias alerta de que Galicia pecha outubro como a comunidade con peor evolución industrial do Estado
Patricia Iglesias
10 Dec 2025

A voceira de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, advertiu de que Galicia volve situarse como a comunidade con peor evolución industrial de toda España, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística correspondentes ao mes de outubro. Mentres a produción industrial medra no conxunto do Estado, en Galicia cae con forza, algo que Iglesias atribúe á “improvisación, propaganda e ausencia dunha política industrial real por parte da Xunta”.

A deputada socialista afirma que o Goberno galego leva anos “vivindo do titular”, anunciando proxectos que non se concretan e evitando calquera planificación seria. Sinala que a única proposta industrial que exhibe a Xunta é Altri, un proxecto que cualifica de “fiasco”: mal deseñado, sen retorno produtivo real e incapaz de diversificar ou modernizar o tecido industrial galego. “Altri non pode ser nin a única idea nin a única aposta dun Goberno que presume de industrial”, subliña.

Iglesias lembra que outros territorios con estruturas produtivas similares están a impulsar políticas activas de innovación e valor engadido, mentres Galicia continúa atrapada nun modelo esgotado, sen capacidade para atraer investimento nin consolidar cadeas industriais sólidas. “Aquí seguimos instalados na idea de facer o de sempre e esperar resultados distintos. É imposible”, resume.

A voceira destaca que Galicia podería atopar nas enerxías limpas unha oportunidade real para reindustrializarse e diversificar a súa economía, pero acusa á Xunta de bloquear ese potencial debido a unha xestión deficiente. Segundo denuncia, os proxectos non se tramitan con rigor, carecen de avaliacións solventes e acumulan erros que acaban anulados nos tribunais. “Non é a xustiza quen frea Galicia; é un Executivo incapaz de facer as cousas con rigor”, afirma.

Ante esta situación, reclama un cambio profundo nas políticas industriais da comunidade: planificación sectorial, aposta pola tecnoloxía e as enerxías limpas, captación de novos proxectos e integración efectiva da universidade e dos centros tecnolóxicos nas cadeas produtivas. Galicia, insiste, non pode seguir perdendo oportunidades nin resignarse a permanecer á cola da industria estatal.

Iglesias conclúe lembrando que os datos industriais “non son só números, senón oportunidades que se esfuman, talento que marcha e emprego que non se crea”. Para ela, Galicia precisa “un Goberno con visión”, non un Executivo que “confunde propaganda con política industrial”.

⚙ Configurar cookies
0.29796814918518