Patricia Iglesias reclama máis transparencia na contratación pública e critica o uso partidista dos recursos por parte da Xunta

A deputada do Grupo Parlamentario Socialista, Patricia Iglesias, interveu hoxe na Comisión 3ª de Orzamentos para analizar as contas da Secretaría Xeral da Presidencia e advertiu de que “estes orzamentos non reforzan nin a transparencia nin o bo goberno, senón que consolidan unha rede clientelar posta ao servizo do PP”.
Iglesias comezou lamentando “a falta de respecto institucional” coa que o Goberno galego presentou os Orzamentos de 2026, “máis preocupado por facer propaganda que por dar explicacións no Parlamento”. A socialista asegurou que o Executivo de Rueda “usa o Parlamento como un mero acompañante do Goberno, o que é absolutamente intolerable nunha democracia madura”.
Durante a súa intervención, a deputada reclamou máis control e transparencia na contratación pública, especialmente nos contratos menores. Denunciou que existen “incoherencias e lagoas” entre a Plataforma de Contratos e o Rexistro Público, e criticou que o sistema de acceso á información “siga sendo arcaico e intencionadamente opaco”.
“En pleno 2025, coa intelixencia artificial e as ferramentas dixitais dispoñibles, non ten sentido que haxa que abrir PDF por PDF para coñecer o destino do diñeiro público”, afirmou.
A parlamentaria advertiu tamén do “crecemento inxustificado” das subvencións de concesión directa, sobre todo en concellos gobernados polo PP: “Estes convenios multiplícanse como cogomelos, e veremos como moitos se desbloquean agora que houbo mocións de censura. É unha utilización claramente partidista dos fondos públicos”, denunciou.
Iglesias criticou ademais a reestruturación de órganos dependentes da Presidencia, cuestionando a decisión de sacar a Valedora do Pobo da Comisión Galega de Transparencia para incorporala ao Consello Consultivo, “algo que responde ao malestar da Xunta cun órgano que lle resulta incómodo”.
Tamén advertiu de que a fusión da Oficina de Coordinación Económica co Instituto Galego de Estatística é “un intento de controlar os datos e manipular a realidade”. Como exemplo, lembrou que “cando os resultados dun informe sobre o uso da lingua galega non gustaron, encargaron outro que dixera o contrario”.
No tramo final, reclamou que a asesoría xurídica da Xunta recupere un papel activo na defensa do autogoberno galego e na reclamación de novas competencias. “O normal sería negociar co Estado nas conferencias bilaterais, non montar conflitos constitucionais por orde de Feijóo”, sinalou.
Recordou, ademais, que durante o Goberno bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño se transferiron máis de trece competencias, “mentres agora o Executivo de Rueda prefire o enfrontamento constante e o seguidismo do PP estatal”.
Iglesias concluíu advertindo de que “estes orzamentos consolidan un modelo que favorece a unha minoría privilexiada e deixa atrás á maioría social galega”, e asegurou que o PSdeG seguirá defendendo “uns servizos públicos fortes, un autogoberno real e unha administración transparente ao servizo da cidadanía”.