Patricia Otero reafírmase na "tolerancia cero" ante o acoso e en que o PSOE actuou con rapidez e responsabilidade

A deputada Patricia Otero reafirmou hoxe a tolerancia cero do PSdeG-PSOE fronte a calquera conduta de acoso ou violencia machista, e subliñou que o partido actuou “con rapidez, responsabilidade e poñendo sempre no centro a protección das vítimas” desde o momento en que tivo coñecemento formal das denuncias.
Otero explicou que, nos casos nos que existiu unha denuncia presentada a través da canle interna do partido, as actuacións producíronse en cuestión de horas, esixindo aos presuntos acosadores o abandono inmediato de todos os seus cargos orgánicos e institucionais: “Os feitos avalan o comportamento do PSdeG, afecte a quen afecte”.
No caso no que inicialmente non existía denuncia formal, Otero precisou que o que houbo foron conversas trasladadas por unha terceira persoa, ás que a dirección do partido respondeu escoitando, acompañando e insistindo de maneira reiterada na necesidade de que fose a propia vítima quen presentase denuncia. “Sen denuncia non se poden activar os protocolos; a lei é moi clara e só a vítima pode denunciar nos casos de acoso sexual”, lembrou, en referencia ao artigo 191 do Código Penal.
A deputada insistiu en que o PSdeG non xulga, pero tampouco mira para outro lado, e destacou que o partido conta con ferramentas específicas para garantir o anonimato e a confidencialidade das vítimas. “Animamos a todas as vítimas a denunciar, respectando sempre os seus tempos, porque son elas quen deben tomar esa decisión”, afirmou.
Otero puxo en valor que o PSdeG actuou con criterios de responsabilidade política e ética, en contraste con outras forzas políticas, e reiterou que a prioridade absoluta da dirección socialista é acompañar, protexer e apoiar ás vítimas, así como perseguir calquera conduta de acoso sexual ou violencia machista.
Finalmente, subliñou o carácter plural e aberto do partido e lembrou que o Comité Nacional Galego, máximo órgano entre congresos, será o espazo no que a militancia poderá expresarse con liberdade. “Ninguén quere que se cale ninguén. O PSdeG é un partido democrático, plural e comprometido coa protección das vítimas”, explicou
NOVO BONO TRANSPORTE
A deputada do PSdeG-PSOE Patricia Otero puxo hoxe en valor, diante da Estación de Autobuses de Lugo, a aprobación polo Consello de Ministros do novo abono único de transporte, unha medida impulsada polo Goberno de España que permitirá desprazarse por todo o país en servizos de cercanías, media distancia e autobuses de competencia estatal cunha tarifa plana de 60 euros ao mes, reducida a 30 euros para persoas menores de 26 anos.
Otero destacou que se trata dunha medida “moi necesaria”, que suporá un aforro directo para moitas familias, especialmente para estudantes e persoas que viven no rural, e que contribuirá a unha nova concepción da mobilidade. Ademais, lembrou que o Goberno tamén prorrogará os descontos xa vixentes no transporte público, reforzando así o impacto positivo do novo abono.
A deputada socialista subliñou que esta iniciativa responde a unha reivindicación sostida no tempo polo PSdeG, polos seus secretarios xerais e polas Xuventudes Socialistas de Galicia, e animou á Xunta de Galicia a sumarse ao abono único, incorporando os servizos de transporte da súa competencia, como o interurbano, para ampliar aínda máis os beneficios para a cidadanía.
“Con un único tícket pódese viaxar por todo o país, e iso supón unha mellora clara da mobilidade e da igualdade de oportunidades”, sinalou, e incidiu en que esta medida serve para desmontar os bulos do Partido Popular arredor da Lei de Mobilidade Sostible.
Neste sentido, a deputada foi clara ao afirmar que as paradas de autobús están garantidas por lei, especialmente no medio rural. “Non só non se eliminaron paradas, senón que agora quedan blindadas legalmente”, explicou, lembrando que foi o Goberno de España quen asumiu directamente o mantemento das paradas ante a falta de resposta da Xunta de Galicia ás propostas de colaboración formuladas polo Ministerio de Transportes.
Otero avanzou que o novo abono entrará en funcionamento na segunda quincena do mes de xaneiro, e definiuno como “un paso máis para unha mobilidade máis xusta, máis sostible e máis accesible”.
Tamén asegurou que as obras da Intermodal seguen os prazos previstos e rematarán a principios do ano que vén, aínda que non entrará en funcionamento ata finais do 2026. Tamén lembrou que o Goberno segue a traballar para recuperar proximamente a conexión ferroviaria con Madrid.