Pecha o curso escolar cun acto simbólico en Crecente

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez felicita ao alumnado e ao profesorado polo esforzo e dedicación durante este ano académico e asegura que desde a Administración autonómica. Así o sinalou hoxe en Crecente, onde compartiu a xornada coa comunidade escolar do Colexio Plurilingüe Manuel Sieiro con motivo do peche do curso escolar.
O titular de Educación da Xunta salientou que aínda que o período lectivo remata agora, desde o punto de vista administrativo “a actividade non para porque hai que continuar traballando para que estea todo listo de cara a setembro”.
De feito, mañá arranca o proceso de oposicións de educación coa participación de preto de 16.000 persoas para 1.601 prazas, cuxa fase final rematará a principios de agosto co fin de que os novos funcionarios se incorporen aos centros o 1 de setembro.
Por outra parte, lembrar que desde mañá e ata o 30 de xuño estará aberto o prazo de matrícula para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e Bacharelato; mentres que tamén permanece aberto o período de solicitude de prazas para FP ata o 30 de xuño.
Así mesmo, durante o período estival vanse intensificar as obras de mellora, renovación e modernización dos colexios e institutos ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego que acada xa un investimento de máis de 331 M€ en arredor de 3.000 actuacións nas catro provincias galegas, e que concretamente este ano supera os 73 M€.
O conselleiro aproveitou a súa visita ao Colexio de Crecente para coñecer de primeira man a dinámica escolar deste centro do rural que, segundo dixo, “é un exemplo da aposta pola igualdade de oportunidades e a calidade educativa en Galicia independentemente de onde se viva”.