Pechan ao baño a praia de A Punta e a zona central de Samil por contaminación microbiolóxica

Este episodio estaría relacionado coas intensas precipitacións rexistradas recentemente
praia-samil-vigo
26 Aug 2026

O Concello de Vigo desaconsella o baño nestes dous areais tras detectar unha alteración da calidade da auga provocada polas intensas chuvias dos últimos días.

O Concello de Vigo informou este martes do peche ao baño da praia de A Punta, no barrio de Teis, e da zona central da praia de Samil debido á detección de contaminación microbiolóxica.

Segundo comunicou o Goberno local, nestes momentos non se recomenda o baño nestes dous puntos como consecuencia dun episodio de contaminación que estaría relacionado coas intensas precipitacións rexistradas recentemente.

A situación súmase aos distintos episodios de contaminación que se produciron este verán nas praias de Vigo e da súa contorna e que obrigaron en varias ocasións a limitar ou prohibir o baño.

No caso de A Punta, a recomendación de non entrar na auga mantívose durante aproximadamente unha semana a mediados de agosto. Ademais, tamén se rexistraron incidencias nos areais de Alcabre e A Fontaíña, así como nas praias de Rodas e Figueiras, no arquipélago das Illas Cíes.

O Concello manterá as restricións mentres se realizan os controis correspondentes para determinar a evolución da calidade da auga.

0.34356999397278