Peches en centros educativos para visibilizar as demandas laborais do profesorado

A CIG-Ensino e o STEG retoman o conflito laboral docente con peches rotatorios en centros educativos de todo o país, co obxectivo de visibilizar as demandas do profesorado en colexios e institutos.
As accións desenvolveranse desde este martes 27 de xaneiro até o xoves 5 de febreiro en diferentes localidades galegas, entre elas Vigo, Cangas e Ponteareas, así como na Coruña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte, Viveiro, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vilagarcía, Lalín, Ourense e Rianxo.
Segundo explican os sindicatos convocantes, tras o enterro simbólico do ensino público galego realizado en Compostela a finais do primeiro trimestre, o conflito entra agora nunha nova fase coa intención de “resucitalo” tamén simbolicamente. Subliñan que o profesorado é quen mantén vivo o ensino público “malia a súa situación agonizante” e que estas accións buscan facer visible ante a sociedade que “aínda estamos a tempo de revivilo”.
Os peches realizaranse nos propios centros educativos a partir de media tarde, arredor das 18:00 horas, para facilitar a participación do maior número de persoas posible. Durante estas xornadas están previstas asembleas abertas, elaboración de material reivindicativo e debates sobre futuras accións.
Na mañá seguinte a cada peche desenvolveranse accións informativas á entrada ás aulas, dirixidas a alumnado e familias, nas que se trasladarán as principais reclamacións do colectivo docente. Entre elas figuran a atención á diversidade, a redución de ratios, a recuperación do horario lectivo, a impartición de materias afíns, a falta de desdobres e a reforma da Formación Profesional.
Calendario de peches na área de Vigo
Martes 27 de xaneiro
Vigo – IES Politécnico de Vigo
Rúa do Conde de Torrecedeira, 88
Mércores 4 de febreiro
Cangas – IES de Rodeira
Avenida de Ourense, s/n
Xoves 5 de febreiro
Ponteareas – IES Val do Tea
Rúa Feliciano Barrera, 15