Pedro Blanco anuncia a concesión de 1,6 millóns de euros para proxectos de capacitacicón profesional

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, avanzou hoxe a concesión de 1.591.935 euros a nove entidades de Galicia para a posta en marcha de proxectos transformadores relacionados coa capacitación profesional para o emprego verde. Pedro Blanco detallou o impacto en Galicia da resolución da convocatoria do Programa Empleaverde+, que xestiona a Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e subliñou o peso da Comunidade nesta resolución, onde consegue máis do 12% do total concedido a nivel nacional.
O delegado explicou que estes proxectos teñen como obxectivo impulsar a capacitación e formación en empregos vinculados á transición ecolóxica, e que están orientados tanto a persoas traballadores como desempregadas, para facilitar o acceso e adaptación ao mercado laboral, o fomento da reciclaxe profesional e o emprendemento verde.
Os proxectos beneficiarios da convocatoria en Galicia serán executados por 9 entidades, entre as que destacan empresas, asociacións, fundacións e administracións públicas. Do total das iniciativas aprobadas, 2 desenvolveranas agrupacións conformadas por varias entidades, o que reforza a implicación e colaboración de diferentes actores no impulso dunha economía verde.
En función das persoas ás que van dirixidas, catro dos proxectos están orientados a capacitar a persoas traballadoras, para mellorar a súa adaptación ao mercado laboral, o fomento de reciclaxe profesional e o emprendemento verde. Os tres restantes diríxense á capacitación en competencias para o emprego verde de persoas desempregadas.
A nivel particular, os proxectos concedidos son os seguintes:
-Límite hídrico: simulación hidráulica e análise avanzada para a prevención de inundacións. Promovido por IMASGAL Técnica e Dmlweb, de Lugo.
-Instala Madeira: Cara una construción eficiente e sostible con madeira. Promovido polo Clúster da Madeira de Galicia.
-Agroecoloxía Avanzada. Presentado por Unións Agrarias-UPA.
-Restaurando territorios: capacitación para unha transición xusta. Presentado polo CEIDA, de Oleiros.
-Proxecto Telonaman 360: navegando cara a economía circular inclusiva, promovido por Mediatlantia Consultoria, e a Asociación MISELA de persoas con discapacidade da Ría de Muros-Noia.
-Proxecto ReHabita: Certificación e rehabilitación enerxética de edificio, promovido por Estudios RAFER, de Lugo.
-Proxecto Barrios Verdes: Emprego Verde para a Transición Ecolóxica Urbana, promovido pola Fundación IMPULSARSE, de Vigo.
A nivel nacional, esta convocatoria do Programa Empleaverde, cofinanciado polo fondo Social Europeo Plus, beneficia a 42 proxectos, que prevén a capacitación e formación de máis de 12.000 persoas, das cales case 9.000 son persoas traballadoras e máis de 3.000 son desempregadas.