Pedro Blanco destaca o crecemento de participantes nas actividades do Plan para a Convivencia educativa

O delegado enmarca estes bos resultados "na aposta do Goberno por entender a educación como unha das principais ferramentas para favorecer a seguridade na sociedade"
alumnos-estudantes-instituto-educacion
24 Jul 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, informou esta mañá de que o Plan para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas bateu récord durante o curso 2025-2026, acadando case 175.000 persoas participantes, 20.000 máis que o ano pasado. Ofrecéronse en total 5.197 accións formativas por parte da Garda Civil e a Policía Nacional en 957 centros educativos, o que representa un afianzamento do programa en Galicia e o sitúa como unha gran ferramenta para os centros á hora de formar o alumnado e as familias sobre seguridade.

O delegado, acompañado do Director da área de Educación da Delegación do Goberno, Lois Carballido, presidiu esta mañá a reunión da Comisión Autonómica de Seguimento do Plan, onde enmarcou estes bos resultados na aposta do Goberno por “entender a educación como unha das principais ferramentas para favorecer a seguridade na sociedade”. No encontro, recoñeceu o compromiso e o traballo conxunto da Garda Civil e da Policía Nacional, da comunidade educativa, das administracións implicadas e das familias.

As temáticas máis solicitadas pola comunidade escolar volveron ser as relacionadas coa seguridade dixital, a prevención da violencia entre iguais (acoso e ciberacoso), a violencia de xénero, as adiccións, os delitos de odio e os delitos sexuais.

Tamén asentou o seu crecemento a demanda de actividades “á carta”, como charlas sobre medio ambiente, protección de datos, orientación profesional ou visitas a dependencias policiais. Repetiuse, polo tanto, a tendencia do ano pasado, na que se superou o 25% de actividades á carta, o mesmo que neste. Estes números demostran a capacidade de adaptación do Plan de Convivencia e a versatilidade da Garda Civil e da Policía Nacional.

No ámbito da seguridade cidadá, Pedro Blanco informou de que se realizaron vixilancias nas contornas escolares ata alcanzar as 12.075 en 816 centros educativos de toda Galicia. Grazas a este labor das Forzas e Corpos de Seguridade, foi posible desactivar cinco puntos de venda de droga.

O delegado do Goberno chamou a seguir traballando para consolidar e ampliar os avances do Plan de Convivencia nos Centros Escolares, con especial atención á participación, récord este ano. “Seguiremos reforzando o Plan de Convivencia Escolar para que chegue a máis xente e as nosas escolas sigan sendo espazos seguros, libres de violencia e preparados para o futuro”, afirmou.

O delegado do Goberno animou aos participantes a pensar xa no próximo curso para manter o impulso do Plan e afrontar os desafíos pendentes, ofrecéndolle á mocidade galega as mellores ferramentas para o seu desenvolvemento persoal e social e contornas escolares seguras e saudables.

0.33460903167725