Pedro Branco destaca o compromiso do Goberno cos servizos públicos no rural galego ao despregar unidades móbiles de expedición de DNI e pasaporte

O Goberno do Estado achega os servizos públicos á cidadanía do rural con novos vehículos móbiles que permitirán renovar o DNI e o pasaporte en 75 concellos galegos sen comisaría. En apenas 10 minutos poderá facerse a documentación sen saír do municipio.
Unidad movil de documentacion
29 Mar 2025

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, presentou hoxe na Praza do Obradoiro, en Santiago, os novos Vehículos Integrais de Documentación (VIDOC) da Policía Nacional, que achegarán a expedición e renovación do DNI e do pasaporte a 75 concellos galegos sen comisaría.

Pedro Branco estivo acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e polo xefe superior da Policía de Galicia, Pedro Pacheco. O delegado destacou que esta iniciativa permite ofrecer un servizo básico á veciñanza do rural, que ata o de agora tiña que facer varios desprazamentos para renovar a súa documentación. “Agora, o DNI poderá estar listo en apenas dez minutos, sen saír do concello”, sinalou.

As unidades móbiles estarán operativas de luns a venres. A Xefatura Superior da Policía establecerá os itinerarios e os concellos encargaranse de organizar a listaxe de persoas citadas.

Durante a presentación, a subdelegada renovou o seu DNI como demostración do funcionamento do servizo.

Branco salientou que esta medida se suma a outras como o programa ‘A Administración preto de ti’, e que todas elas supoñen “un antes e un despois para a vida nos pequenos municipios, achegando a Administración ás portas das casas”.

Tamén agradeceu o traballo da Policía Nacional e a sensibilidade do ministro Fernando Grande-Marlaska coas necesidades do rural galego. Con iniciativas coma esta, engadiu, o Goberno avanza na igualdade de oportunidades e na cohesión territorial de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.12003707885742