Pedro Branco reivindica incluír a violencia económica no novo Pacto de Estado contra a violencia de xénero

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, cualificou hoxe de “gran acerto” a inclusión da violencia económica como tipoloxía recoñecida de violencia de xénero no novo Pacto de Estado que está a preparar o Ministerio de Igualdade.
Durante a xornada técnica organizada na Delegación no marco da Semana da Administración Aberta, Branco resaltou que “non todas as violencias deixan marcas visibles, mais negar a unha muller o acceso aos seus recursos ou controlar os seus ingresos é tamén violencia”.
Entre as medidas previstas, o Pacto inclúe:
Tipificación legal da violencia económica como violencia machista.
Reforzo da vixilancia xudicial para garantir o pago de pensións e obrigas económicas.
Creación de mecanismos áxiles de embargo de bens e rendas.
Formación especializada en violencia económica para xueces, policías, traballadores sociais e persoal tributario.
Branco apelou a “non baixar os brazos ante discursos que añoran tempos nos que o home controlaba economicamente á muller” e garantiu que “este Goberno non dará nin un paso atrás na protección integral das vítimas”.
Para rematar, amosou o seu agradecemento “pola implicación comprometida e eficaz” da Axencia Tributaria de Galicia, representada polo delegado Miguel Cárcaba Menéndez e pola inspectora xefa Irene Lage López.