Pedro Branco salienta o impulso do Goberno á dixitalización das pemes galegas co Kit Dixital

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, destacou esta mañá en Vigo o impulso do Goberno á dixitalización das pemes galegas mediante o Kit Dixital, que leva investidos 175 millóns de euros en axudas a 42.400 empresas na comunidade. Fíxoo durante a Gala de Premios á Dixitalización da Oficina Acelera Peme do INEO, onde se recoñeceron cinco proxectos innovadores no eido do emprendemento dixital.
Branco puxo en valor o espírito innovador e a capacidade das pemes galegas para aproveitar as oportunidades que ofrecen as liñas de apoio do Goberno, sinalando que catro de cada dez beneficiarios do Plan de Recuperación en Galicia son empresas deste tipo. Destacou tamén que estas axudas se traducen en milleiros de solucións dixitais aplicadas á xestión, produción ou comercialización das empresas, demostrando a súa capacidade de adaptación.
Felicitou á oficina viguesa de Acelera Peme do INEO polo seu labor como catalizadora de proxectos innovadores no sur pontevedrés, así como ás persoas e entidades premiadas. Reivindicou, ademais, a importancia da colaboración público-privada como fórmula de éxito no futuro da economía galega.