Pepe Coira: “Para ser parte do mundo, deberiamos ser protagonistas de historias”

Jessica Fernández
Pepe Coira Nieto, nado en Rábade en 1963, leva toda unha vida vencellado ao mundo audiovisual, aínda que el mesmo recoñece que a súa chegada a ese universo non foi froito dun plan trazado nin dunha decisión plenamente consciente, senón dunha atracción case instintiva polo cinema desde a infancia. “Xurdiu dunha maneira moi natural e nada consciente. Lembro que desde moi pequeno pensaba que o cine era o máis bonito que había, e que había que intentar dedicarse a iso”, explica. Aquel interese temperán levouno a estudar Xeografía e Historia a comezos dos anos oitenta en Santiago, nun contexto no que non existían estudos de cine próximos e no que a súa paixón pola Historia se orientaba especialmente cara á Historia da Arte e á Historia do Cine.
Ese amor polo cinema converteuse axiña en práctica cando, como espectador asiduo, decidiu contactar co xornal da cidade para ofrecerse como crítico cinematográfico, unha experiencia que lle permitiu manter un contacto constante coa análise audiovisual. Tras rematar a carreira continuou nese xornal e, ao cabo dun ano, deu o salto a traballar en diversos programas para a Televisión de Galicia, coa intención de introducirse profesionalmente nun ámbito que daquela estaba aínda en construción.
Coira admite que naquela etapa eran “uns absolutos ignorantes” e que non eran plenamente conscientes do que estaban facendo. Entre os seus primeiros traballos lembra unha videoinstalación para unha galería de arte e a súa participación en programas de televisión como ‘ExtraMuros’, baseado en reportaxes que lle permitiron entrevistar persoas moi diversas. Especial relevancia tivo tamén ‘Luces da Cidade’, un programa de cine construído a partir de material de arquivo, que contribuíu a consolidar a idea de que podería dedicarse profesionalmente a ese mundo.
A finais dos anos 80 produciuse un xiro significativo na súa traxectoria coa súa entrada na Xunta de Galicia para ocuparse da política audiovisual. Durante moitos anos, ese labor institucional afastouno do traballo directo como guionista ou produtor, pero serviulle para impulsar proxectos alleos e apoiar a outros creadores. “Supuxo que eu non traballara como guionista ou produtor durante moitos anos, senón que axudaba a que outros o foran, pero foi unha experiencia moi chula”, resume.
A relación de Pepe Coira coa escrita de guións é, en todo caso, singular e chea de matices. El mesmo asegura que nunca se sentiu guionista, pero que traballa como guionista, un matiz que apunta. Ademais, comezou a facelo relativamente tarde, despois dunha longa etapa como produtor.
Ao reflexionar sobre a profesión, subliña o contraste entre o pasado e o presente, marcado hoxe por unha maior oferta formativa e máis oportunidades de traballo, pero tamén por unha competencia moito máis dura.
“APRENDER FACENDO”
Con todo, o seu pensamento sobre a escrita vai máis alá das condicións do mercado. “Debo confesar que non creo en que a escritura sexa unha destreza que se poida aprender”, afirma, aínda que recoñece a existencia dunha técnica limitada. Para el, aprender a escribir “é un proceso que se constrúe facendo, non memorizando teorías, e hai un compoñente moito máis máxico e imprevisible que fai que unha historia funcione e conecte co público”, sostén.
Coira insiste en que o verdadeiramente memorable dunha novela, dun cómic ou dun guión é a capacidade de transmitir emoción, algo profundamente humano e imposible de codificar por completo. Para ilustralo, recorre a unha reflexión do guionista Stephen Moffat, a quen admira, e lembra que este dicía que nunca se sabe se o que se escribe vai funcionar ou non. “Eu mando un guión e teño a completa incerteza de se vai gustar ou non”, recoñece, e engade que Moffat comparaba o un guión cun agasallo feito a alguén coñecido, “xa que nunca sabes con seguridade se lle vai gustar”.

Así, un dos proxectos máis destacados da súa carreira recente foi a escrita do guión de ‘Antes de nós’, unha película arredor da figura de Castelao. A iniciativa xurdiu a partir dunha proposta da produtora, que lle ofreceu escribir unha película sobre o intelectual galeguista. A idea resultoulle especialmente atractiva, xa que Castelao é para el unha figura emblemática, aínda que admitía que non era o mellor momento para aceptar o encargo. A decisión final estivo influída pola lembranza dunha película que admira profundamente, ‘El joven Lincoln’, de John Ford. “Sempre vin un certo paralelismo entre Castelao e Lincoln; esa figura política, tamén cultural e artística, coa que se identifica unha comunidade, é un icono”, explica. A partir desa referencia, propuxo centrarse nun episodio concreto da biografía de Castelao, afastándose da pretensión de abarcar toda a súa vida nunha soa película.
A través desta película, Coira mostra outro dos seus obxectivos vitais: a defensa da cultura galega a través do audiovisual. O profesional afirma que “as culturas e os pobos contan cun imaxinario colectivo propio” e subliña que, na actualidade, “ese imaxinario dificilmente pode existir fóra das pantallas”. Para el, é fundamental que a historia, a cultura, o presente, a paisaxe, o territorio e os costumes de Galicia formen parte da ficción audiovisual. “Para estar no mundo e ser parte do mundo, deberiamos ser protagonistas de historias, non só espectadores”, afirma. E lembra que, cando el naceu nos anos 60, a presenza de Galicia na pantalla estaba reducida a representacións “folclóricas ou pintoresquistas”, e resultaba case impensable crear historias desde aquí, con identidade propia. Ese camiño, asegura, foi unha conquista que cómpre preservar.

PROXECTOS PASADOS E FUTUROS
Ao facer balance da súa traxectoria, Pepe Coira destaca varios proxectos dos que se sente especialmente orgulloso. Entre eles sitúa a serie ‘As leis de Celavella’, na que o equipo traballou intensamente para combinar o xénero detectivesco coa vontade de contar episodios da historia do país sen caer no didactismo. Tamén menciona con especial cariño ‘Luci’, unha serie de ficción pequena e realizada de maneira moi independente desde Galicia. No ámbito televisivo, salienta ‘Cos pés na terra’, un programa da TVG sobre persoas que apostan por desenvolver a súa vida no rural e que acumula xa 17 tempadas. No documental, lembra con orgullo traballos como ‘Eloxio da distancia’, realizado con Felipe Vega e Julio Llamazares, ou ‘A Seara’, un documental que el mesmo dirixiu sobre unha aldea rural.
De cara ao futuro, Coira atópase inmerso nun novo proxecto audiovisual, ‘Ardora’, unha ficción ambientada na Coruña, de estilo policial, que pretende abordar cuestións actuais da sociedade desde o punto de vista dunha avogada. A súa vontade é seguir creando, aínda que é consciente da dificultade de sacar adiante proxectos nun sector no que os custos son elevados e nada está garantido. Por iso, recoñece que “é necesario manexar varias ideas ao mesmo tempo”. Entre os seus desexos pendentes, hai un que mantén unha forte carga emocional: “Apetéceme moito participar nalgún proxecto que teña Lugo ou a Terra Chá como escenario”, conclúe.