Persoal da seguridade privada mobilízase en Compostela por unhas condicións laborais dignas

Persoal da seguridade privada mobilizouse este mércores en Santiago de Compostela nunha manifestación convocada pola CIG para reclamar unhas condicións laborais dignas tras a proposta de convenio estatal pactada entre a patronal e os sindicatos CCOO, UGT e USO. A protesta percorreu as rúas da capital galega desde a Alameda até a Praza do Toural.
Desde CIG-Servizos explican que decidiron non asinar un acordo que, lonxe de dignificar o sector, “perpetúa a precariedade laboral durante catro anos máis”, ao non incorporar melloras reais nin avances significativos para as persoas traballadoras. A central sindical considera que a vía de negociación estatal está esgotada e defende a necesidade dun convenio galego de sector, adaptado á realidade laboral existente en Galicia.
Segundo denuncian, os incrementos salariais previstos —cunha media do 4 % anual— resultan claramente insuficientes e, ademais, están diferidos no tempo, concentrándose no último ano de vixencia do convenio, o que prolonga a perda de poder adquisitivo. Tamén critican que non se atenda a mellora dos pluses de festividade e nocturnidade, que se manteñen en pouco máis dun euro por hora.
A CIG sinala igualmente que a cláusula de garantía salarial limita a revisión do IPC a un máximo do 2 % e non terá efectos até 2031, consolidando a perda salarial acumulada. Ademais, o acordo condiciona dereitos a futuras reformas legais, atrasando posibles avances como a redución da xornada laboral.
A central sindical defende unha xornada semanal de 35 horas, a entrega en prazo dos calendarios anuais, a cobertura completa dos servizos estables e medidas reais de conciliación. Tamén critica que cuestións clave como os coeficientes redutores, a clasificación profesional ou o relevo xeracional queden adiadas a comisións sen garantías efectivas.
Por todo isto, a CIG considera que os sindicatos estatais “volveron vender os dereitos das persoas traballadoras” e que a única saída real pasa pola negociación dun convenio galego que poña fin á precariedade e faga o sector máis atractivo para a incorporación de novo persoal.