Persoal de incendios reclama ante a Xunta melloras laborais e organizativas

Unha manifestación convocada polo sector de Autonómica da CIG-Administración percorreu o traxecto entre San Lázaro e San Caetano
manifestacion-lucha-contra-incendios-santiago
18 Nov 2026

Persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galiza, mobilizouse hoxe en Santiago de Compostela para reclamar unhas condicións laborais dignas e melloras salariais e organizativas que permitan adaptar o servizo á realidade actual, tanto de carestía da vida como da nova tipoloxía de lumes.

A manifestación, convocada polo sector de Autonómica da CIG-Administración, partiu ás 12:00 horas do edificio administrativo de San Lázaro e rematou diante da sede central da Xunta en San Caetano, onde se leu un manifesto coas principais reivindicacións do colectivo. Estas pasan por unha actualización das condicións nas que traballa o persoal do SPIF para adaptalas ao incremento continuado da carestía da vida e aos cambios na tipoloxía dos incendios forestais, cada vez máis complexos e con maiores esixencias técnicas. Ao que sumar os efectos da mudanza climática, con vagas de calor máis frecuentes e intensas, que incrementan a dificultade e o esforzo necesarios para combater os incendios forestais.

Neste contexto, a CIG-Autonómica considera que as condicións laborais actuais son claramente insuficientes, tanto no relativo ás retribucións salariais como á organización do traballo, polo que demanda melloras laborais e salariais acordes coas funcións desempeñadas, as responsabilidades asumidas e as condicións nas que o persoal desenvolve o seu labor. Mais tamén son necesarias accións efectivas para protexer as persoas traballadoras fronte á exposición á feluxe, así como a implantación de medidas que garantan a conciliación da vida laboral e familiar e a igualdade. E melloras reais nas bases de traballo que permitan contar con instalacións e medios adecuados para desenvolver a actividade en condicións dignas.

Outro dos eixos fundamentais das reivindicacións é o recoñecemento profesional de todo o persoal funcionario de carreira, xunto coa mellora da formación específica do SPIF e a implantación dun sistema de avituallamento eficaz que responda ás necesidades do persoal durante as intervencións. A organización sindical reclama ademais a creación dun sistema multiemerxencia que permita manter a actividade do SPIF durante todo o ano, aproveitando a experiencia e os coñecementos do persoal máis alá da campaña de incendios forestais e dando resposta a outras situacións de emerxencia.

No ámbito organizativo, a CIG considera imprescindíbel un novo modelo de ordenación dos postos de traballo que supere a actual fragmentación e permita unificar todas as especialidades e categorías dentro dunha única escala, unha proposta que busca avanzar cara a unha estrutura máis coherente e adaptada ás funcións e responsabilidades que asume o conxunto do persoal.

Estas reivindicacións forman parte dunha táboa elaborada durante os últimos meses a través de asembleas de persoas traballadoras, nas que se recolle o malestar existente ante os avances “lentos e insuficientes” propostos pola Xunta. A través desta mobilización, o persoal quixo visibilizar a situación que atravesa o servizo e reclamar unha resposta integral por parte da Administración autonómica, xa que non abonda con avances parciais nin con propostas que non dan resposta ás necesidades reais do colectivo.

Desde o sindicato subliñan que é necesario abordar de maneira global as carencias do SPIF, tanto en medios e organización como en condicións laborais, e lembran que a prevención e defensa contra os incendios forestais constitúe un servizo público esencial que precisa contar cos recursos humanos e materiais necesarios para desenvolver o seu traballo en condicións adecuadas. A protesta de hoxe representa así unha chamada de atención á Xunta para que asuma a súa responsabilidade e dea resposta ás reivindicacións dun persoal fundamental para a protección do territorio, do patrimonio natural e da seguridade da cidadanía.

Na manifestación participou tamén persoal do servizo de conservación e mantemento dos leitos fluviais da zona norte da Coruña e Lugo, que está en loita na defensa da continuidade dos seus empregos unha vez rematada a contrata que EULEN viña executando para Augas de Galiza, tras o que a empresa lle entregou a todo o persoal as cartas de despedimento ao non concorrer á nova licitación.

0.67013812065125