Persoal do Hospital Provincial de Pontevedra esixe a equiparación salarial e laboral

O persoal de mantemento do Hospital Provincial de Pontevedra mobilízase para reclamar condicións laborais dignas e equiparables ás doutras áreas sanitarias. Critican a negativa de Veolia Grupo Norte a negociar e a falta de resposta por parte do SERGAS.
Persoal Hospital
21 Jul 2025

O persoal do servizo de mantemento do Hospital Provincial de Pontevedra continuou este venres coas mobilizacións diante do centro hospitalario para reclamar a equiparación das condicións salariais e laborais ás que xa teñen recoñecidas os traballadores e traballadoras doutras áreas sanitarias.

Segundo denuncia a CIG-Industria, tras máis dun ano intentando abrir unha mesa de negociación, nin a empresa concesionaria Veolia Grupo Norte nin o SERGAS amosaron vontade de mellorar as condicións deste colectivo.

A empresa aplica o convenio do metal da provincia de Pontevedra, que, segundo o sindicato, non se axusta ás funcións reais do persoal, como as gardas localizadas, traballo por quendas ou en horario nocturno. Por este motivo, demandan condicións por riba do convenio, similares ás que xa teñen os traballadores e traballadoras de Veolia nos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo ou no comarcal do Salnés.

A representación social mantivo hai dous meses unha reunión con responsables da área sanitaria para solicitar que a Xerencia mediase cunha xuntanza coa empresa, mais “a día de hoxe seguimos sen noticias”, denuncia Anxo Lúa, secretario da CIG-Industria de Pontevedra. “A Xerencia non contesta e a empresa non quere negociar”, lamenta.

A primeira concentración tivo lugar o pasado 3 de xullo, e ante a falta de avances, acordouse repetir a mobilización este venres. Ademais, xa anuncian que non descartan novas accións se empresa e administración seguen sen mover ficha. O obxectivo: que as melloras se inclúan no novo prego de condicións da concesión, que remata este ano, para que sexan recoñecidas pola empresa que asuma o servizo no futuro.

⚙ Configurar cookies
0.22140002250671