Picusa Academy confecciona unha plantilla con doce promesas para 2026

Sete corredores repiten na estrutura e chegan cinco novas incorporacións: Lucas Blanco, Breixo Cochón, Vinicius Thor, Xavier Arnal e Fran Gramage
Picusa Academy
5 Nov 2025

O ano 2025 foi o da consolidación internacional do proxecto de Picusa Academy, e o conxunto galego prepara xa a súa terceira tempada na categoría Júnior. A dirección da estrutura ten pechada a plantilla para o 2026, formada por doce mozos talentos que buscarán seguir impulsando o crecemento do equipo.

Sete ciclistas repiten na formación despois dun curso excepcional, no que Picusa Academy acadou 23 triunfos parciais, superando os 21 do ano anterior. Continuarán os galegos Xian Alvariño e Rodrigo García, os castelán-leoneses Hugo Muñoz e Adrián Prieto, o brasileiro Dimas Mota e o arxentino Nicolás Almada, ademais do australiano Ryan O’Shaugnessy, que se incorpora de maneira permanente tras competir coa escuadra tres meses na pasada campaña.

As cinco novas fichaxes proceden de Galicia, da Comunidade Valenciana e de Brasil. Dende o Poio Bike chega Breixo Cochón, mentres que Lucas Blanco, subcampión de España de contrarreloxo individual, procede do Cambre. Dende Valencia incorpóranse Xavier Arnal (Juan Giner Ulevel Vitaldinsport) e Fran Gramage (Guerola-Ontinyent), dobre medallista no campionato estatal de Pista. O quinto reforzo é o brasileiro Vinicius Thor.

O obxectivo principal destes corredores é desenvolverse deportivamente con Picusa Academy para, no futuro, ascender á elite. É o caso de Éric Igual, dobre campión do mundo en pista, recentemente anunciado como novo integrante do Movistar Team Academy para 2026. Outros ciclistas da plantilla tamén darán o salto, aínda que os seus destinos non se fixeron públicos.

Este método de traballo baséase en ofrecer aos deportistas recursos humanos e técnicos de primeiro nivel, así como un calendario internacional de calidade. Nesta tempada, o equipo disputou por primeira vez o Ain Bugey Valromey Tour, coñecido como o Tour de Francia da categoría Júnior.

⚙ Configurar cookies
0.28962302207947