Pilar Lueiro participa na reunión de Deportes do Eixo Atlántico para avanzar nos preparativos dos Xogos do Eixo

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, participou esta semana na reunión de traballo do Grupo Temático de Deportes do Eixo Atlántico, un encontro que serviu para avanzar nos preparativos dos Xogos do Eixo Atlántico, que terán como sede Santiago de Compostela.
Segundo indicou a concelleira, tratouse dun encontro produtivo e satisfactorio que permitiu seguir avanzando na organización desta importante cita deportiva, na que mozos e mozas de Galicia e do norte de Portugal competirán en diferentes disciplinas.
Durante a reunión aprobouse por unanimidade o regulamento dos Xogos do Eixo. As competicións incluirán balonmán, voleibol, baloncesto, natación e atletismo, incorporando tamén modalidades adaptadas, co obxectivo de promover un evento deportivo inclusivo.
No encontro abordouse tamén o plan de aloxamento para as persoas participantes. Neste sentido, Pilar Lueiro explicou que o Concello acadou xa o compromiso de 2.400 prazas, aínda que, debido ao elevado número de preinscricións recibidas, se está a traballar para buscar máis camas que permitan incrementar a participación.
Os Xogos do Eixo Atlántico celebraranse do 5 ao 10 de xullo deste ano e contarán coa participación de 27 concellos, dos cales nove son galegos e 18 portugueses.
Por outra banda, na reunión foi elixido Hernani Ribeiro, vereador de Deportes de Maia, como novo presidente do Grupo Temático de Deportes do Eixo Atlántico.