Plancton retira máis de media tonelada de lixo e flora invasor na illa de Ons

I Na xornada de protección medioambiental as persoas participantes lograron extraer máis de 10000 pés de flor de San Xoán, (Helichrysum foetidum), unha especie botánica invasora orixinaria do sur de África
Retirada-especies-invasoras-illa-de-ons
17 May 2026

Máis dun cento de persoas convocadas por Afundación a través do seu portal Actúa, participaron hoxe na Illa de Ons nunha nova actuación de voluntariado medioambiental realizada nesta contorna no marco do proxecto PLANCTON da Obra Social de ABANCA. Os traballos comezaron simultaneamente ás 11 da mañá nos diferentes enclaves seleccionados polo persoal técnico do Parque Nacional das Illas Átlánticas.

As actuacións centráronse, por unha banda, na limpeza de lixos mariños das súas praias e cantís, e por outra na retirada de diferentes especies de flora exótica invasora que ameazan á flora autóctona deste lugar protexido.

As persoas voluntarias conseguiron retirar en tres horas de traballo máis de 10000 pés da coñecida como flor de San Xoán ou falsa árnica (Helichrysum foetidum), 517 quilos desta especie exótica invasora orixinaria do sur de África. Tamén retiraron nos areais algunhas sementes de Poa (corazón de Shangó), unha enredadeira trepadora de orixe africana.

Este tipo de accións teñen como obxectivo reforzar a capacidade de resistencia da contorna natural das illas fronte aos efectos do cambio climático. Con ela, Afundación uniuse novamente ao proxecto LIFE Insular no que participa o parque nacional para axudar á conservación dos distintos hábitats das illas integradas na Rede Natura 2000 no Atlántico.

Durante a limpeza desenvolvida nas praias e cantís, as persoas voluntarias participantes retiraron fundamentalmente, como en ocasións precedentes, restos de aparellos de cultivo e pesca perdidos durante o seu exercicio, como os tarugos das bateas, cabos, cabiños, fragmentos de redes e anacos de escumas sintéticas como o poliespán, empregadas tanto nas boias e flotadores como nas caixas de cebo e de pescado. Durante os traballos de limpeza encontraron tamén distintos obxectos plásticos como botellas, botes, tapóns, vasos, envoltorios e paus de lambetadas, bastonciños dos ouvidos, anacos de vidro, unha tixola, unhas chanclas, así como outra serie de obxectos de pequeno tamaño que, debido ao seu deterioro resultan difíciles de clasificar. En total, case 52 quilos de residuos, segundo recolleu a balanza ao remate das tarefas de clasificación e identificación dos lixos, coa que rematan sempre estas xornadas de voluntariado medioambiental

Esta é xa a undécima actuación do voluntariado da Obra Social de ABANCA no Parque Nacional das Illas Atlánticas no marco do seu Plan de Conservación Territorial (PLANCTON). Unhas accións nas que conseguiron retirar máis de dúas toneladas de lixos mariños, e 3 toneladas de flora exótica invasora destes fráxiles ecosistemas insulares.

Con accións como a realizada hoxe, Afundación procura a través de PLANCTON, que está xa na súa VI edición, chamar a atención sobre a necesidade de cambiar e mellorar moitos dos nosos hábitos de comportamento no medio, para asegurar o uso e goce dos recursos ás xeracións futuras. O proxecto forma parte do compromiso de ABANCA e a súa Obra Social cos Obxectivos de

Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 (Acción polo clima), ODS14 (Vida submarina), ODS 15 (Vida de ecosistemas terrestres) e ODS17 (Alianzas para lograr obxectivos), tal e como exemplifica esta iniciativa desenvolvida en colaboración co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

0.3710470199585