Poesía e música para restaurar a memoria das mulleres asesinadas polo franquismo

A Deputación promove un proxecto no que músicos e grupos lucenses musican poemas de “Ámote vermella” de Claudio Rodríguez Fer
mulleres na memoria Lugo 1
13 Oct 2021

 A Deputación e a área de Cultura da USC organizan Mulleres na memoria, un proxecto que conxuga poesía e música para restaurar a memoria das mulleres asesinadas polo franquismo.

Tomando como referencia a publicación “Ámote vermella” (Xerais, 2009) de Claudio Rodríguez Fer, con poemas dedicados a mulleres represaliadas polo franquismo, propúxose a cinco músicos e grupos lucenses a composición de cadansúa peza.

Poeta e músicos traballaron conxuntamente a selección dos poemas e a documentación de contextualización de cada un deles, resultando un repertorio que se dará a coñecer os días 14 e 15, ás 20.30 horas, na Casa do Saber.

O xoves, Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco ofrecerán o recital conferencia “Vivas en nós” no que abordarán o contido e orixe dos poemas de “Ámote vermella”, ofrecendo unha contextualización do proxecto. O venres, presentaranse as creacións artísticas que xurdiron da conxunción entre a poesía e a música. 

POEMAS E GRUPOS

O grupo lucense Hit the Bit puxo música ao poema “A Juana Capdevielle” sobre a arquiveira e bibliotecaria Juana Capdevielle,  pioneira en campos intelectuais ligados á pedagoxía e asasinada en agosto do 36 en Rábade.

A compositora e cantante Olalla Caamaño, vocalista de grupos de música alternativa como Musel ou Las Palmeras e recoñecida como unha das mellores voces da escena galega, musicou  “Un tranvía chamado Ucrania”,  poema dedicado á profesora de piano e solfeo Urania Mella, moi implicada na defensa dos dereitos das mulleres, comezando moi cedo a ensinar e ler ás mulleres do barrio de Lavadores, en Vigo.

De Iria Estévez e Gonzalo Piña, membros fundadores do grupo lugués Clave de Fado, saíu a música para “Mulleres libres no monto”, un canto a todas as mulleres perseguidas polo franquismo polas súas ideas de cambio e progreso.

O grupo Los Zorros, cunha traxectoria ligada ás influencias do jazz, soul, folk,country e rock&roll, compuxo un tema sobre o poema “E aínda lle chaman comunista”, en memoria de Consuelo Alonso, vendedora de xornais en Monforte de Lemos fusilada  en maio do 38.

A cantautora folk Paloma Suanzes encargouse de musicar “As tres mapoulas de Montecubeiro”, poema escrito en memoria da traballadora Virxinia Meilán Varela e das mozas Carmen Sarille Lenceiro e Manuela Graña Rico, asasinadas en Montecubeiro, en Castroverde, en agosto do 37.

DIFUSIÓN DIXITAL

Tras o concerto de presentación, a musicalización dos poemas gravarase en estudio para a súa difusión nas canles dixitais e redes sociais da Deputación de Lugo.

“Mulleres na memoria” segue o formato de Proxecto Lorca, que se levou a cabo en 2020, propoñéndose naquel caso musicar os “Seis poemas galegos” do autor granadino, asesinado polo franquismo no 36.

mulleres na memoria Lugo

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1228621006012