Ponse en marcha unha nova edición do concurso ‘Ciberseguridade no cole!’ da Xunta

Está dirixido a alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO co obxectivo de concienciar aos máis novos sobre o uso seguro da tecnoloxía
ordenador-nenos-tecnoloxia
21 Sep 2026

A Xunta pon en marcha unha nova edición do concurso ‘Ciberseguridade no cole!’ para concienciar aos máis novos no uso seguro da tecnoloxía. Os centros educativos galegos poden inscribirse ata o 5 de outubro na sexta edición do concurso, dirixida a alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO. O certame, enmarcado nas actividades o VI Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, busca concienciar aos máis novos sobre o uso seguro das tecnoloxías dixitais dunha forma lúdica.

Organizado por Telefónica, patrocinador VIP do encontro, e impulsado polo Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, o concurso terá unha proba en liña o 14 de outubro e unha final presencial o 6 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia, dentro do VI Encontro CIBER.gal. Os formularios de inscrición e as bases poden consultarse en EspazoAbalar.

Como novidade, este ano celébrase tamén a primeira edición de ‘Debuxando Ciberseguridade no cole!’, para alumnado de 3º e 4º de Primaria e co mesmo prazo de inscrición. Baixo o tema ‘Profesións da ciberseguridade’, este nova actividade busca achegar aos máis pequenos os principais conceptos sobre a seguridade dixital e os seus perfís profesionais a través da expresión artística e terá unha categoría para cada curso.

Na última edición de ‘Ciberseguridade no cole!’ participaron 5.015 escolares de Primaria e Secundaria de 78 centros educativos de toda Galicia. É una das actividades do Encontro Galego CIBER.gal, una cita de referencia para a ciberseguridade en España grazas ao esforzo das entidades que integran o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

0.31767296791077