Pontevedra acolle as VIII Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade da SGHN

Pontevedra será o escenario, os días 28 e 29 de novembro, das VIII Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade organizadas pola SGHN
Biodiversidade
28 Nov 2025

A cidade acollerá unha nova edición das Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, organizadas pola delegación pontevedresa da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). A oitava edición celebrarase os días 28 e 29 de novembro, cun programa que combina divulgación científica, cinema documental e reflexión sobre os desafíos ambientais actuais.

As xornadas arrancarán o venres 28 ás 19:00 h no Teatro Principal coa proxección, con entrada de balde até completar aforo, de “Only on Earth”, da directora danesa Robin Petré. O filme ofrece unha viaxe inmersiva ás terras do sur de Galicia, unha das zonas europeas máis afectadas polos incendios forestais. A obra destaca o papel esencial que xogaron durante séculos os cabalos salvaxes no control da vexetación e na redución do risco de lume. A película, estreada na 75ª Berlinale e con varios recoñecementos internacionais, aborda a loita compartida entre humanos e fauna salvaxe nun contexto de veráns cada vez máis secos e perigosos.

Programa de conferencias

O sábado 29, as actividades desenvolveranse no salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo.

Ás 09:45 h terá lugar a presentación oficial, a cargo de María de los Ángeles Cancela Carral, directora da Escola, e Moisés Asensi Cabirta, delegado da SGHN en Pontevedra.

A primeira conferencia comezará ás 10:00 h, impartida polo profesor José Bienvenido Díez Ferrer (UVigo), quen abordará a paleontoloxía desde un enfoque galego.

Ás 10:45 h, Saleta González Pimentel, responsable da Sección de Botánica da SGHN, e Francisco Javier Silva-Pando, presidente da Asociación de Herbarios Ibero-Macaronésicos, presentarán o “Atlas de flora exótica da Galicia”, un proxecto colaborativo no que participan máis de 25 especialistas.

Tras unha pausa, ás 12:00 h, Sandra Goded Millán (Quercus Sonora) explicará os impactos que teñen as prácticas forestais na biodiversidade do noroeste peninsular.

Ás 12:45 h, Estíbaliz Díaz (AZTI) analizará a crítica situación da anguía europea (Anguilla anguilla), unha especie outrora abundante e hoxe en claro declive.

A sesión de mañá pecharase ás 13:30 h coa intervención de Miquel Planas Oliver (IIM-CSIC), que falará sobre os cabaliños de mar e o desafío de conservar especies discretas ou pouco visibles.

Mesa redonda sobre os incendios

Xa pola tarde, ás 16:45 h, celebrarase unha mesa redonda moderada pola xornalista Taciana Díaz Mariño (La Sexta-Galicia), dedicada aos incendios forestais en Galicia. Participarán:

Serafín González Prieto, presidente da SGHN

Juan Picos Martín, enxeñeiro de montes e profesor da EE Forestal

María Cristina Fernández Filgueira, científica do CSIC

Luis Navarro Echeverría, catedrático de Botánica (UVigo)

Xan Lois Cabreira Fernández, bombeiro forestal

Manuel Ogando Fernández, axente ambiental e director de extinción

As xornadas contan coa colaboración da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra. A inscrición é gratuíta e pode cubrirse a través deste formulario.

⚙ Configurar cookies
0.30573487281799