Pontevedra acollerá o XVIII Encontro de Palilleiras con preto de 1.000 participantes

Pontevedra acollerá do 24 ao 26 de abril o XVIII Encontro de Palilleiras Cidade de Pontevedra, un evento xa consolidado como referente estatal que reunirá a preto de 1.000 participantes no Recinto Feiral.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou esta nova edición xunto ás representantes da Asociación A Fieitiña de Monte Porreiro, destacando que se trata do maior encontro destas características no Estado e un dos mellor organizados.
A principal novidade deste ano é a ampliación do evento a tres días, cunha temática centrada na música. Durante estas xornadas, os 7.000 metros cadrados do recinto converteranse nun espazo de encontro para profesionais, afeccionadas e público interesado nesta arte tradicional.
A programación arrancará o venres cunha exposición en homenaxe a Mario Galego, referente no estudo e coleccionismo do encaixe. O sábado estará dedicado á formación, cunha charla da experta Alicia Sevilla centrada no perfeccionamento técnico.
O domingo terá lugar a gran palillada, que se desenvolverá de forma ininterrompida entre as 10:00 e as 19:00 horas, acompañada dun xantar de confraternidade, postos de venda e un sorteo.
Desde a organización salientan que o encontro busca dar unha nova visión do encaixe, máis aló do seu uso tradicional, apostando pola innovación e a creatividade. Nesta edición poderán verse tamén pezas inspiradas en instrumentos musicais.
O Concello destacou a importancia deste evento como escaparate cultural e reafirmou o seu compromiso co apoio a iniciativas que contribúan á promoción do patrimonio e á dinamización da cidade.