Pontevedra convoca a XVI edición do Certame de Microrrelato en Galego da EOI

O Concello de Pontevedra e a Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra convocan a XVI edición do Certame de Microrrelato en Galego da EOI, unha iniciativa que busca fomentar a creación literaria e a dinamización da lingua galega.
O certame celebrarase o vindeiro 12 de marzo ás 17.30 horas de xeito presencial nas dependencias da escola en Pontevedra e nas súas seccións de Lalín e do IES Valle‑Inclán.
A convocatoria está aberta a calquera persoa maior de 14 anos, sexa ou non alumna da EOI. As persoas participantes deberán escribir un microrrelato cun máximo de 150 palabras en 110 minutos, tomando como punto de partida tres palabras que se darán a coñecer no momento da proba.
Na presentación da nova edición, o concelleiro de Normalización Lingüística destacou o traballo da rede de equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros educativos da cidade, aos que cualificou como “un luxo”, subliñando o esforzo e o compromiso das persoas que forman parte destes equipos para promover o uso da lingua galega.
Pola súa banda, a directora da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, María Fernández González, agradeceu a colaboración do Concello no financiamento do certame, que permite premiar o talento das persoas participantes. Segundo explicou, trátase dunha cita habitual no calendario cultural da escola que pretende demostrar que o galego pode empregarse en calquera contexto, tamén no ámbito da creación artística.
A secretaria da EOI e membro do equipo de dinamización lingüística, Elma Barreiro Abad, explicou que ao longo da semana se irán revelando as persoas encargadas de escoller as tres palabras que servirán como base para os relatos desta edición.
Ademais, cada dous anos publícase unha recompilación cos textos gañadores, contribuíndo así á difusión das creacións literarias xurdidas deste certame.