Pontevedra Debuxada ofrece tres obradoiros infantís de ilustración que esgotan prazas en poucas horas

O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, vén de presentar o proxecto Pontevedra Debuxada, unha iniciativa que ofrecerá tres obradoiros de ilustración gratuítos para crianzas de 6 a 12 anos. O obxectivo é mesturar espazo público e creación artística, convidando ás nenas e nenos a descubrir a Boa Vila cunha ollada curiosa e creativa.
A concelleira Anabel Gulías destacou que o programa busca que a cativada se sinta “parte activa da identidade da cidade”, ao tempo que se pon en valor o traballo de tres ilustradoras vencelladas a Pontevedra: Aida Alonso, finalista en certames de ilustración e autora do cartel do Salón do Libro 2022; Natalia Umpiérrez, deseñadora gráfica vinculada a proxectos como Unicorn Wars; e Paula Cheshire, debuxante de cómics e nominada ao Premio Follas Novas 2025.
As sesións terán lugar o 27 de setembro na Praza de Abastos, o 4 de outubro no Pazo da Cultura e o 11 de outubro no Edificio Castelao, sempre en horario de 11.30 a 13.30 horas. As prazas eran limitadas —15 por obradoiro— e esgotáronse poucas horas despois de abrirse o prazo a través do espazo Apúntate da web municipal.
O éxito da convocatoria xerou unha lista de agarda, polo que desde o Concello recomendan ás familias que estean pendentes da aceptación da súa solicitude. Priorizaranse as crianzas que aínda non estean inscritas nalgunha das sesións. Os traballos realizados polas participantes servirán como inspiración para unha ilustración final que elaborarán as artistas convidadas.