Pontevedra lanza Formación Gastro, o novo programa gratuíto para profesionais da hostalería

O Concello de Pontevedra presentou no Mercado de Abastos Formación Gastro, un novo programa de capacitación gratuíta destinado ao sector hostaleiro, turístico e gastronómico da cidade.
A iniciativa, incluída dentro de Pontevedra Capital Gastro, desenvolverase entre decembro de 2025 e abril de 2026 e está financiada polos fondos NextGenerationEU a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD).
A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, foi a encargada de clausurar a xornada de presentación, destacando que o obxectivo do proxecto é reforzar as competencias do tecido profesional da Boa Vila e avanzar cara a un modelo turístico sostible.
Gulías subliñou que “o Concello buscaba responder ás necesidades dun sector amplamente formado, pero que sempre busca mellorar”. Por iso, asegurou que Formación Gastro nace como unha oferta deseñada á medida, con cursos que van desde o márketing e a xestión dun negocio hostaleiro ata aspectos prácticos como a montaxe e disposición dunha mesa.
A inscrición nos cursos, tanto presenciais como en liña, xa está dispoñible de maneira gratuíta a través do espazo Apúntate! da web municipal.
Showcookings, mesas redondas e networking
A xornada serviu tamén para que as persoas interesadas coñecesen en detalle o programa, participando en demostracións culinarias con produto local a cargo do equipo de Arón Álvarez e Os Maristas; unha mesa redonda con profesionais como Marta González (La Gramola, Carallo 29 e Pintxo Viño), Chiara Lugato (Galiwonders), Camilo Garrido (Acolá Hostels) e Miguel Lago, presidente do CCU Zona Monumental. O encontro pechouse cun espazo de degustación e networking, e cun recuncho dixital interactivo con información sobre o plan formativo.
O programa forma parte do convenio entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do PSTD de Pontevedra, valorado en 2 millóns de euros, dentro do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Todos os fondos proceden do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado polos NextGenerationEU da Unión Europea.