Pontevedra lanza “Resonancias”, un ciclo que une música e saúde mental

O Concello de Pontevedra, en colaboración coa produtora Borneo, presentou “Resonancias”, un novo ciclo cultural que vincula música e saúde mental mediante unha fórmula innovadora: concertos mensuais acompañados dun coloquio no que artistas e especialistas compartirán experiencias sobre emocións, vulnerabilidade e benestar persoal.
A iniciativa nace como extensión do documental H.E.I. – Hacia el Espacio Interior, actualmente en produción, que explora o poder terapéutico da música nun contexto marcado pola ansiedade e a depresión, presentes na vida cotiá de tantas persoas. “Resonancias” propón un espazo seguro, próximo e sensible para reflexionar sobre estas cuestións desde unha perspectiva cultural accesible.
Cada sesión estará conducida pola psicóloga Rosana Corbacho, especialista en saúde mental na industria musical e colaboradora en proxectos de divulgación cultural. Xunto a ela participarán dous artistas convidados que combinarán actuación musical e conversa íntima arredor da creación, das emocións e do vínculo persoal coa música. O formato procura derrubar tabús e fomentar unha expresión emocional auténtica, aberta e compartida.
O evento piloto celebrarase o mércores 17 de decembro ás 20.00 no Liceo Casino de Pontevedra, coa participación de Merino e Eladio y los Seres Queridos. A apertura de portas será ás 19.30.
Os concertos permitirán descubrir dúas propostas complementarias: a mirada introspectiva e emocional de Eladio, e a frescura da nova xeración representada por Merino, que aborda temas como o crecemento persoal e os procesos emocionais.
Con “Resonancias”, Pontevedra sitúase como referente en innovación cultural con compromiso social, articulando un proxecto que combina arte, mocidade e saúde mental e que entende a música como ferramenta de benestar e acompañamento emocional.
O ciclo terá continuidade ao longo de 2026, con sesións mensuais en diferentes espazos da Boa Vila, ampliando o diálogo entre cultura e saúde mental e consolidando unha proposta que nace coa vontade de permanecer.