Pontevedra licita a renovación do Mercado de Abastos cun investimento de máis de 500.000 euros

A Xunta de Goberno Local de Pontevedra aprobou a licitación das obras de renovación e mellora da eficiencia enerxética do Mercado de Abastos, cun orzamento de 518.732,13 euros e un prazo de execución estimado de dous meses.
Segundo explicou a alcaldesa en funcións e tenente de alcalde, Eva Vilaverde, a actuación centrarase na substitución do lucernario principal do edificio e na mellora da súa cuberta. Os traballos incluirán a desmontaxe da estrutura actual, o saneamento dos perfís metálicos e o reforzo das ancoraxes.
O novo lucernario funcionará como unha “segunda pel”, deseñada con vidros illantes que evitarán a filtración dos raios infravermellos, mellorando así o illamento térmico e lumínico do edificio. O obxectivo é garantir unha mellor conservación dos produtos que se comercializan na praza, como peixe, froita, verduras ou flores.
Desde o Concello destacaron que as obras se planificarán para minimizar as molestias e garantir a súa compatibilidade coa actividade diaria do mercado, tanto para as persoas traballadoras como para a clientela.
Ademais da mellora funcional, esta actuación permitirá renovar a imaxe do Mercado de Abastos e reforzar o seu papel como espazo de referencia para o comercio de proximidade e como punto cultural da cidade.
O proxecto está financiado polos fondos europeos NextGenerationEU e enmárcase no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra, que conta cun investimento global de 2 millóns de euros. Este plan forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia, impulsado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado.