Pontevedra mantén o obxectivo de cero falecidos e reduce á metade os feridos graves en accidentes de tráfico en 2025

A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, destacou a clara tendencia á baixa na gravidade dos sinistros nun ano no que a Policía Local interveu en 569 accidentes, 24 menos que en 2024
Accidentes Pontevedra
6 Feb 2026

A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, presentou o balance de sinistralidade viaria da Policía Local correspondente ao ano 2025, no que destacou a estabilización do número de accidentes e, sobre todo, a redución significativa da súa gravidade. Vilaverde subliñou que Pontevedra continúa sen rexistrar falecidos en vías municipais tratadas con calmado de tráfico desde o ano 2011.

Segundo explicou a concelleira, aínda que o número total de accidentes nos que intervén a Policía Local adoita situarse entre os 500 e 600 anuais, o dato máis relevante é que as consecuencias son cada vez máis leves. “Non podemos evitar un accidente, pero si podemos baixar a probabilidade da súa gravidade”, afirmou, atribuíndo este resultado ao modelo urbano de Pontevedra, que modera a velocidade e fomenta unha convivencia máis amable entre vehículos e peóns.

A Policía Local contabilizou en 2025 un total de 988 accidentes, sumando tamén os partes amigables, dos cales os axentes interviñeron directamente en 569 sinistros, o que supón 24 menos que os 593 rexistrados en 2024.

Dese total de intervencións, 132 foron accidentes con vítimas, cun total de 158 persoas afectadas. A comparativa co ano anterior amosa que, aínda que houbo máis feridos leves que en 2024 (151 fronte a 102), o número de feridos graves reduciuse practicamente á metade, pasando de 13 a 7 casos, considerando como graves aqueles que requiriron ingreso hospitalario superior a 24 horas. A maioría das persoas feridas, 116, só precisaron atención en urxencias sen ingreso posterior.

Atropelos e seguridade peonil

No ano 2025 rexistráronse 34 atropelos, con 36 persoas afectadas. A maioría producíronse en pasos de peóns sen semáforo, cun total de 20 casos. Tamén neste ámbito destaca a baixa gravidade dos sinistros: só unha persoa foi considerada ferida grave, mentres que 29 recibiron atención en urxencias sen ingreso e o resto asistencia sanitaria leve ou inmediata.

O tipo de accidente máis frecuente foi o choque contra un obstáculo fixo, con 186 casos, seguido das colisións frontolaterais (62) e dos alcances (44). Por tipo de vehículo, os turismos foron os máis implicados, con 726 accidentes, seguidos das furgonetas e camións ríxidos. Os vehículos de mobilidade persoal estiveron implicados en 18 accidentes e as bicicletas en 10.

As vías con maior número de accidentes en 2025 foron a avenida de Montecelo, con 28 sinistros; a avenida de Bos Aires, con 21; a avenida de Lugo, con 18; a avenida de Vigo, con 17; e Eduardo Pondal, con 15 accidentes rexistrados.

⚙ Configurar cookies
0.34251499176025