Pontevedra pecha o Ano Castelao cunha homenaxe institucional no edificio onde viviu coidando a súa memoria

O Concello clausura a efeméride coa descuberta dunha placa no inmoble da Praza de España onde residiron Castelao e Virxinia Pereira, nun acto presidido polo alcalde e pola presidenta do Consello da Cultura Galega
Castelao
Actualizada el 8 enero 2026, 14:52 horas
7 Jan 2026

O Concello de Pontevedra puxo o broche final á conmemoración do Ano Castelao cun acto institucional cargado de simbolismo e memoria colectiva. A homenaxe terá lugar ás 12.00 horas na Praza de España, diante do número 1, edificio no que viviron Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a súa compañeira Virxinia Pereira durante a súa etapa pontevedresa.

O acto estivo presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e contará coa presenza da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, entidade impulsora da celebración do Ano Castelao en toda Galicia.

O momento central da cerimonia será a descuberta dunha placa conmemorativa no edificio no que residiu a parella, un xesto co que o Concello quere deixar unha lembranza permanente de quen escolleu Pontevedra como fogar e cidade de referencia. Dende o goberno local quixeron agradecer expresamente a colaboración da comunidade de veciños do inmoble polas facilidades ofrecidas para a colocación deste distintivo.

A homenaxe manterá o carácter aberto e participativo que marcou toda a programación do Ano Castelao. Tomarán parte activa alumnos e alumnas dos institutos da cidade, protagonistas ao longo do ano de iniciativas como o ‘Roteiro dos institutos’ ou as lecturas públicas da obra do autor realizadas o pasado mes de novembro.

O acto contará tamén cunha destacada compoñente visual e histórica da man da asociación Os de Algures, cuxos integrantes asistirán caracterizados co vestiario orixinal da obra Os vellos non deben de namorarse, deseñado polo propio Castelao. Unha recreación que xa formou parte da representación no Teatro Principal e que achegará á cerimonia a estética e o universo creativo do homenaxeado.

Ademais, están convidadas todas as asociacións culturais que participaron ao longo de 2025 na programación do Ano Castelao, así como a totalidade da Corporación municipal.

Balance dun ano de programación colectiva

O acto de clausura servirá tamén para pechar un ano de intensa actividade cultural coa que Pontevedra conmemorou o 75 cabodano de Castelao. No Bando do Ano, o alcalde lembrou que “Castelao vive porque sen el a nosa cidade sería hoxe irrecoñecíbel”, destacando a súa pegada na creación do Museo, na Coral Polifónica ou na recuperación do patrimonio monumental local.

O Concello subliña que o éxito da efeméride radicou na colaboración do tecido asociativo pontevedrés, cunha vintena de entidades implicadas nunha programación transversal que abordou todas as facetas do intelectual: as artes escénicas, a música, o ensino, a divulgación, o pensamento político e as actividades familiares e de barrio.

Con esta homenaxe final, Pontevedra cumpre o compromiso adquirido a comezos de ano: seguir sendo a cidade que Castelao amou e escolleu, reafirmando a súa presenza viva na memoria, na cultura e na identidade da Boa Vila.

⚙ Configurar cookies
0.32195901870728