Pontevedra prepárase para acoller a 42ª edición da San Silvestre, unha proba solidaria, festiva e aberta a todas as idades

A carreira máis antiga de Pontevedra aspira a superar os 7.000 participantes nesta edición, consolidándose como unha gran festa do deporte e da convivencia na cidade.
San Silvestre Pontevedra
28 Dec 2025

O Concello de Pontevedra acolleu este venres a presentación da 42ª edición da San Silvestre de Pontevedra, unha cita plenamente consolidada como a proba máis antiga da cidade e unha das carreiras populares con maior tradición en Galiza e no conxunto do Estado.

No acto participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a directora da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, Charo Castro; e o director deportivo da proba, Víctor Riobó.

O rexedor definiu a San Silvestre como unha auténtica “festa do deporte nunha cidade do deporte” e amosou o seu desexo de superar os 7.000 participantes, cifra máxima prevista para esta edición, co obxectivo de alcanzar os 8.000 nun futuro próximo e mesmo bater o récord histórico de participación de 2019. Lores salientou tamén o potencial deportivo de Pontevedra, cun tecido formado por preto de 60 clubs federados e unha intensa actividade ao longo de todo o ano.

Pola súa banda, Víctor Riobó explicou que a carreira mantén intacta a súa esencia social, solidaria e familiar, converténdose cada ano nun punto de reencontro entre amizades e veciñanza antes da cea de fin de ano. O percorrido terá 3.800 metros, será totalmente urbano e contará con saída e meta na Avenida de Montero Ríos.

Como novidade técnica desta edición, instalaranse dous tótems, un na saída e outro na meta, para mellorar a xestión do elevado volume de participantes. “A intención é que o circuíto estea completamente cheo de xente; é probable que o gañador chegue á meta cando aínda non saíran os últimos corredores”, indicou Riobó. A saída oficial está prevista para o 31 de decembro ás 17.00 horas.

Para participar será obrigatorio realizar a inscrición mediante a entrega dun quilo de alimentos, requisito que garante o dorsal e a cobertura do seguro da proba. As inscricións poden facerse na tenda Miller e, nos últimos días, tamén nun local habilitado na rúa Castelao, número 3, co obxectivo de axilizar os trámites.

Charo Castro cualificou a San Silvestre como a “festa anual do atletismo e de Pontevedra” e animou a participar a persoas de todas as idades, dende nenos ata avós. Ademais, celebrou as boas previsións meteorolóxicas, que apuntan a unha edición marcada polo bo tempo.

⚙ Configurar cookies
0.28810501098633