Pontevedra prepárase para as Festas da Peregrina cun operativo especial de tráfico dende o martes á noite

O dispositivo, que comezará o 5 de agosto ás 23:00 h, inclúe cortes, cambios de sentido e restricións de acceso en varias rúas da cidade, así como medidas específicas para as touradas dos días 9, 10 e 15.
Peregrina 2025
5 Aug 2025

A alcaldesa accidental de Pontevedra, Eva Vilaverde, presentou esta mañá en rolda de prensa o operativo especial de tráfico que se porá en marcha con motivo das Festas da Peregrina. O plan arrincará o martes 5 de agosto ás 23:00 h, co peche da rúa Alameda e a colocación previa de sinalización e valados de prohibido estacionamento en Xeneral Martitegui e na propia Alameda. As restricións manteranse ata o xoves 21 de agosto.

O peche das rúas Alameda e Raíña Vitoria obrigará a modificar a sinalización e sentidos de circulación:
• Rúa Echegarai: restrinxida a residentes e servizos, con acceso pola rúa Maestranza.
• Xeneral Martitegui: invértese o sentido para permitir acceso a Maestranza-Echegarai e entrada ao aparcadoiro da Praza do Concello.
• Rúa San Roque: acceso restrinxido desde Corvaceiras ata Alameda, agás residentes. Desde Paseo Colón, dirección obrigatoria cara a Corvaceiras, salvo para acceder ao aparcadoiro soterrado.

Tamén se traslada a parada de taxis á rúa Xeneral Martitegui (marxe esquerdo segundo novo sentido). Na marxe dereita habilitarase zona de carga e descarga, servizos e estacionamento para persoas con mobilidade reducida preto da Alameda.

Medidas especiais para as touradas

O sábado 9, domingo 10 e venres 15, coincidindo coas touradas, a Policía Local despregará un operativo específico arredor da Praza de Touros:
• Desde as 08:00 h, prohibido o estacionamento en Víctor Said Armesto, Campo da Torre e Nostramo Lourido.
• Desde as 18:00 h, peonalización das rúas próximas por motivos de seguridade.
• Corte da Av. de San Roque en Corvaceiras (sentido subida), de Víctor Said Armesto e doutros accesos á praza.
• Corte do Paseo de Colón á altura de Monteleón, obrigando aos vehículos a dirixirse á Av. de Uruguai.

No total, despregaranse 25 valados con sinalización efémera para garantir a seguridade durante os eventos.

⚙ Configurar cookies
0.22119402885437