Pontevedra recibe un 20,88 % máis de visitantes en xullo, impulsada polas festas, deporte e Camiño de Santiago

O mes de xullo confirmou o bo momento turístico de Pontevedra, cun incremento do 20,88 % no número de visitantes respecto ao mesmo mes de 2024. A Oficina municipal de Turismo atendeu a 13.529 persoas, das que case nove de cada dez eran de orixe nacional. Madrid, Andalucía e Castela-León encabezaron o ranking de procedencias.
No apartado internacional, 1.694 turistas estranxeiros pasaron polo punto municipal de información, un 26,13 % máis que o ano pasado. Estados Unidos, Francia e Portugal foron os países máis representados, seguidos por Italia e Alemaña.
A actividade da oficina disparouse: 436 visitantes atendidos ao día fronte aos 240 de xuño, cando se rexistraran 7.470 visitas. Tamén se multiplicou a demanda de información por parte da poboación local, con 3.407 pontevedreses e pontevedresas atendidas, un aumento do 257 % respecto a xullo de 2024.
A concelleira de Turismo, Anabel Gulías, destacou que Pontevedra está “na moda” e gaña presenza nos mapas turísticos de Galicia e España grazas á súa oferta cultural, festiva, deportiva e gastronómica, ademais do atractivo do seu patrimonio histórico e o Camiño de Santiago. A Boa Vila afronta agora o reto de manterse como destino de calidade, respectuoso e sostible, preservando a convivencia e hospitalidade que a caracterizan.