Pontevedra reforza o seu compromiso cos Premios Feroz cun acordo institucional

O Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra asinaron un protocolo de colaboración institucional para apoiar a celebración da gala dos Premios Feroz 2025-2026 na capital do Lérez. O acordo foi rubricado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e polo presidente da Deputación, Luis López Lugués, e foi presentado como unha nova mostra de cooperación entre ambas as dúas institucións.
O protocolo contempla unha achega económica de 300.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra para a organización do evento cultural. Segundo sinalou o presidente provincial, esta non será a última colaboración deste tipo, xa que a institución manterá o seu apoio a todas aquelas iniciativas que resulten beneficiosas para a cidade. «A colaboración ten que existir e tamén se ten que ver. Cando falamos de traballar en prol da cidade, imos todos a unha», afirmou.
Pola súa banda, o alcalde destacou a relevancia cultural e proxección exterior dos Premios Feroz, un evento que transcende o ámbito local e autonómico para situar a Pontevedra como referente cultural e audiovisual a nivel estatal. Fernández Lores subliñou que este tipo de citas teñen un impacto directo na promoción da cidade, na economía local e na cultura pontevedresa.
O rexedor incidiu tamén na importancia de que a Deputación participe activamente neste tipo de iniciativas, cualificando a colaboración institucional como «necesaria, cando non imprescindible», e animou a continuar por esta liña de traballo de cara ao futuro.
Ambas as dúas partes coincidiron en expresar a súa vontade de seguir asinando acordos e protocolos de colaboración que contribúan ao desenvolvemento cultural e económico da Boa Vila nos próximos anos.